Datos biográficos:Santaballa (Vilalba-Lugo),1921-2019
Naceu no albor do século XX, o 14 de setembro de 1921, nunha das parroquias do concello de Vilalba, nas terras chairegas de Santaballa, en cuxo cemiterio descansa desde o 6 de xullo de 2019. Tivo unha longa vida de 97 anos.
...
[+] Datos biográficos:Santaballa (Vilalba-Lugo),1921-2019
Naceu no albor do século XX, o 14 de setembro de 1921, nunha das parroquias do concello de Vilalba, nas terras chairegas de Santaballa, en cuxo cemiterio descansa desde o 6 de xullo de 2019. Tivo unha longa vida de 97 anos.
Criouse no seo dunha familia labrega humilde, nunha situación privilexiada como filla vinculeira.
Dende moi nena acudiu á escola da Liga, á que asistía cando podía, non cando quería, pois por aquel entón o traballo era moi necesario para sacar a casa familiar adiante.
Xa de moza, casou aos 26 anos con José Bermúdez, máis coñecido como Pepe do Fogaina, co que tivo seis fillos. Un deles morreulle ao pouco de nacer, pero conseguiu botar adiante cinco fillos nun contexto nada fácil como foi o da dura posguerra española.
Adicou toda a súa vida ao traballo na labranza e ao coidado das vacas que proporcionaban a pouca riqueza daqueles días.
Aos seus 90 anos lembraba con certa añoranza a escola daquela época, recoñecendo que lle gustaba moito asistir porque lle gustaba estudiar, pero a miseria daquela época non permitía que a educación fose primordial para as familias campesiñas do momento.
Lembraba unha anécdota da súa etapa final na escola, cando o seu mestre Don Antonio Quintela Ferreiro foi visitar persoalmente a seus pais para recomendarlles "que seguisen estudiando a súa filla porque era unha pena botar a perder unha nena tan intelixente". É evidente que seus pais non puideron cumprir aquel consello, por razóns económicas pero tamén porque non desexaban quedar sós. Eran outros tempos e primaban outros valores.
Josefa foi unha muller loitadora que co seu suor e o do seu home logrou sobrevivir o infortunio dos tempos que lle tocou vivir.
Como boa santaballesa, mostrouse orgullosa de nacer nunha das parroquias máis prósperas da contorna, loada polo seu tío poeta Caetano Arias López, ao que tamén alababa por ser un dos cantores da Terra Chá de principios do século XX, que deixou un importante legado poético para a posteridade.
Caetano foi un dos poetas populares máis prolíficos da provincia de Lugo. A súa obra é intimista, social e, sobre todo, popular, reflexo da Santaballa dos primeiros anos do século pasado na que deixou fonda pegada a emigración a América. Boa testemuña delo é a construción da escola habaneira sufragada integramente polos veciños da parroquia, emigrados e non emigrados, que ansiaban un futuro mellor para as xeracións vindeiras.
Moitas das súas poesías chegaron aos máis diversos recantos do país como cantares de cego, transmitidas oralmente de vellos a mozos, e publicadas na prensa vilalbesa da época e en rifas que se facían nos festexos. Caetano, xunto co seu fillo, o pai de Josefa e un veciño, integraba un cuarteto de gaitas que amenizaba as festas e romaxes que se celebraban na comarca a mediados do século pasado.
Josefa coñeceu moi de preto a súa poesía e sentía fachenda de ser sobriña dun dos poucos poetas populares que viron parir as terras vilalbesas. Foi unha das poucas transmisoras da súa obra, e estes son algúns dos poemas que a Josefa máis lle gusta lembrar: "Encima de mel, filloas", "A máquina de mallar", "Adiós, meu Ricardo", "Galicia, xardín de flores", "As papas de Xacoba", "¡Probe gaiteiro!", etc...
Josefa aproveitaba con ledicia calquera ocasión, sobre todo as xuntanzas familiares e de amigos, para recitar e lembrar con gran emoción a poesía de seu tío Caetano, aínda que recoñecía que cada vez lle resulta máis difícil pois, dixera ela: "... agora xa son unha vella de 90 anos". Aínda así, gozou dunha gran memoria para recitala con todo luxo de detalles e con gran forza interpretativa. Esta foi, xunto coa leitura, unha das grandes aficións de Josefa.
Adaptación de "Unha muller feita de terra", artigo de Carme Pernas Bermúdez
Gravación: 5 de novembro de 2011
Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Josefa Arias Castelo no Proxecto Polafías.
[-]