Datos biográficos:Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos..., arredor da transfor
... [+]
Datos biográficos:Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos..., arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandeireteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo.
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en vídeo industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira e Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Na actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.
A gravación, análise, edición e subida á web dos vídeos, gravados o 20 de maio de 2019 no Centro de Artesanía e Deseño do Concello de Lugo, foron posíbeis grazas ao financiamento da Consellería de Cultura e da Deputación Provincial da Coruña.
[-]