Datos biográficos:Xosé Luís Rivas Cruz, coñecido polo alcume de Mini, naceu en San Martiño de Pacios (Begonte) o 18 de xuño de 1951. É mestre, músico, cantante, compositor, musicólogo e tamén político en exercicio no concello de Boimorto, lugar onde exerceu por un longo período a docencia e onde reside. Chegou a impartir clases na escola unitaria desta localidade, para pasar logo a exercer o maxisterio no CPI Armando Cotarelo Valledor do concello boimortense. Ao tempo, desenvolveu un amplo labor cultural dentro da música, na que segue de forma activa. Formou parte da banda Fuxan os ventos dende a súa fundación ata 1982, para despois, no 1984, formar A Quenlla co seu compañeiro Baldomero Iglesias Dobarrio, máis coñecido por Mero, grupo no que continúan ambos na actualidade. Nese mesmo ano fixo Mini a música para a curtametraxe Mamasunción.
Exerce como compositor de novas músicas, pero tamén de adaptador de cancións galegas, levando a cabo un intenso labor de recompilación do folklore galego. Ten editados 13 álbums e arranxado as músicas para os seguintes vídeos: Historia da Lingua Galega, Os señores da palabra. Historia do día das Letras Galegas, 70 anos de nacionalismo, Memoria de rosas, Longa noite de pedra, A carón da escola, Cantares de cego I, Contos de lanuxes para nenos e Somos lenda viva.
Canto a escrita, no plano individual, ten publicado en 2007 o ensaio Boimorto: memoria dun silencio, de cuxa saída se ocupou o propio concello de Boimorto.
Baldomero Francisco Iglesias Dobarrio, coñecido artisticamente polo hipocorístico Mero, naceu en Vilalba o 27 de xuño de 1951. Cantante, músico, poeta, escritor, tamén exerceu o maxisterio e fíxoo moito tempo no concello de Mesía, lindeiro co de Boimorto do seu compañeiro Mini. Coma este, formou parte da banda Fuxan os ventos dende a súa fundación en 1972 e abandonou o grupo canda el para facer nacer no 1984 o grupo A Quenlla.
Individualmente é sobre todo creador de poesía, con libros de títulos como: Na lonxitude do tempo (Espiral Maior-2005), Recendos de luz e sombra (2006-Fundación Manuel María), No papel que mudo escoita (2011-Irmandade Manuel María), Doce ducias (2016-Instituto de Estudos Chairegos). Neste eido literario ten gañado varios premios, entre eles o Prados Ledesma do Concello de Viveiro no 2002 polo primeiro libro citado.
Con VVAA, participou en publicacións como Homenaxe poética ao trobador Xohán de Requeixo (2003), A cidade na poesía galega do século XXI (2012-Toxosoutos), 150 Cantares para Rosalía de Castro (2015-Fundación Rosalía e Radio Galega [libro electrónico]) e Xoán Xesús González. Verbo na arria (2016-Corsárias).
Partindo da súa actividade como investigadores, ambos os dous teñen obra en común en libros como Contos de vellos para nenos (Citania-1995), Somos lenda viva (Citania-1996), Cantos, Coplas e Romances de Cego da que xa viron a luz dous tomos (1998/2001-Ophiusa) e seica queda masa para máis fornadas.
É salientábel o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos e poemas, principalmente na súa Terra Cha natal e nas zonas onde exerceron o seu traballo como mestres: Boimorto e Mesía. O arquivo sonoro froito deste labor e composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foille cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que ha estar dispoñíbel na web do museo.
Tamén fixeron achegas ao eido educativo e son autores de diversos libros de ciencias sociais, naturais e de lingua galega para o ensino infantil e primario.
Como músicos, ademais das composicións orixinais propias de cada un e as feitas entrambos, están as músicas coas que revitalizaron e popularizaron a autores da nosa literatura como Xabier Prado Lameiro, como Luís Pimentel ou como Luís Seoane. Debémoslles a eles que teñan música escritores como Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Xosé Neira Vilas ou, por suposto, Manuel María. Cantados e musicados por Mini e Mero foron tamén autores máis achegados no tempo como Méndez Ferrín, Marica Campo, Darío Xohán Cabana ou o louzarín Fiz Vergara Vilariño. E mesmo incluíron traducido algún poeta de fóra, como é o caso do salmantino Marcos Ana.
Así mesmo foron partícipes do proxecto discográfico Quiquiriquí que foi producido en 2006 pola Asociación de Gaiteiros Galegos, un traballo dirixido á xente nova coa idea de valorizar a cultura tradicional e mesmo teñen intervido en obras teatrais como a levada á escena por Volta e Dálle teatro titulada Pan, catro propostas arredor da malla (con creación e adaptación musical deles).
Sen dúbida esta inxente e variada labor fixo que no ano 1997 recibisen o Premio San Martiño de Nomalización Lingüística do concello da Estrada, que no 2009 lles fose outorgado O Pedrón de Ouro, que en 2011 lles concedesen o Premio Ramón Piñeiro López–Facer País e que en marzo do 2016 fosen recoñecidos en Lugo pola Asociación de Escritoraes en Lingua Galega como Mestres da Memoria.
Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Mini e Mero no Proxecto Polafías.
[Isidro Novo]
[-]