Os labradores honrados,
da aldea de Santaballa,
pra sin paus face-la malla
ordenaron de comprar,
unha cousa nunca vista
que dá moi bo resultado,
que eu direi decontado
que é a máquina de mallar!
O día que se estrenou,
por certo, estaba chovendo,
e a fatos viña correndo,
xente de todo arredor.
Mais un velliño curioso
dende que a estuvo mirando,
O mundo vaise acabando
vállame o Noso Señor!
Polo que acabo de ver
índa non estou convencido,
hai un home aí escondido
dentro (non hai que dudar)!
Estará cun fungueiro
dando paus a brazo libre,
que senón sería imposible
como había de mallar!
Mais o velliño curioso
foi xunto do maquinista
pideulle limpando a vista
se lle deixaba mirar
Ai señor, mire o que queira
mais teña usté moi bo tento!
Meteu a cabeza dentro
e non a puido sacar!
Berraba canto podía.
Valédeme meus veciños
que me quedo sin fuciños
seique o demo me atentou!
Tirou por el unha vella
e no chao caeu deitado,
desque se deu levantado
desta maneira falou:
Fun sancristán moitos anos
fun á misiña diario
e xa anduven no calvario
e nunca tal me pasou
Por forza foi unha trampa
pra quedar esfuciñado
se estoupara o condanado
do demo que o inventou!
Autor/a da transcrición: e~xenio
Poema da autoría de Caetano Arias López (1881-1952), tío da recitadora. Axúdalle a refrescar a memoria o seu fillo, J. Manuel Bermúdez Arias.