Aló no mes de xaneiro
unha noite moi oscura,
viña eu dun viaxiño
por xunto a casa do cura
Sentín barullar na igrexa,
e fun amodo escoitando
e era o demo que estaba
desta maneira falando:
Miguel, deixa vir si queres
que hei de levar moitos homes
e deixar poucas mulleres.
Hei leva-los pleiteantes
(a feito) todos a unha,
mulleres marungadoras
non hei deixar quedar ningunha
porque a xente que vai no mundo
vai de Dios tan alonxada
que tan solo deixa a porta
cando se ve apurada
Sácame o pé da barriga
que, abofé, me estás mancando
que quero pillar o home
que está na porta escoitando
Eu escapeime correndo
cun medo que era un milagro,
e esbandallei a chaqueta
nas canceleiras do adro
Berrei polos santos todos,
chamei o Santo Sudario
e funme a batir co peito
á parede do Calvario
Baixei a costa da Parda
e de correr, sudando tanto
donde fun caír de costas
ao prado que ten Crisanto
E levanteime d'alí
con gran dolor de barriga
e fun rompe-la cabeza
ás escaleiras da (Liga)
Levanteime como puiden
sangrando coma un carneiro
e espeiteme hastra a cintura
na veiga que hai en Piñeiro
Peguei uns berros grandes:
Vídeme valer veciños,
que me quedo sen fuciños
seique o demo m'atentou!
E veu o can do xastre
e roeume nos fuciños
Autor/a da transcrición: e~xenio
Poema da autoría de Caetano Arias López (1881-1952), tío da recitadora. Axúdalle a refrescar a memoria o seu fillo, J. Manuel Bermúdez Arias.