Aló no mes de setiembre
millor dito, o vintenove
fun a Candamil á festa
i ao adro cheguei ás nove
Púxenme a toca-la gaita
sin faltar o redobrante
xa as mozas viñan correndo
polos camiños adiante
Eu pensei qu'eran señoras
pois non parecían da aldea
todas tiñan seu reló
preso por unha cadea
Todas con pano de seda
debaixo do bico atado
e ben botado pr'atrás
pra se lles ve-lo peinado
Os mozos tamén moi finos
con camisiña planchada
e no peto do chaleco
boa cadea colgada
Parei de toca-la gaita
e dixen con devoción:
(voume pra cabo dos santos)
qu'han salir á procesión
Paseille-la vista a todos
dende o sitio donde estaba,
e vin un mui ben deitado
(parecéndome) que choraba
E a min, tal ansia me deu
que lle dixen: Que santo é aquel
que probiño está chorando
porque o esmaga san Miguel?
E dixo un vello qu'estaba,
tras de min, arrodillado:
Non che é santo que che é o demo
Ai, Jesús arrenegado!
Como me regana os ollos,
será porque son estraño?
Non lle temas, dixo o vello,
qu'está queto como un año!
Mais vendo o queto qu'estaba,
pra semellar ben fereza,
saqueille o roncón á gaita
pra lle esmagar na cabeza
Mais ao velo feo qu'era
dun pulo saltei p'atrás,
e caín sobre dun vello
da parroquia de Burgás
Aquel vello deume un couce,
e mais non foi con pereza,
que me mandou contra o demo,
e esmaguei ben a cabeza
E cando salín p'afora,
como salín apurado,
deu en berrar unha vella:
Ese algo leva roubado!
Os mozos qu'estaban fóra,
listos como o pensamento,
á forza de paus deixáronme
perdido o conocemento
E cando volvín en min,
xa case estaba amencendo,
xa sentín cantar os mouchos
aló riba nun penedo
Fun pr'a casa como puiden
e púxenme a cavilar,
pensando, pensa que pensa,
nos paus qu'aló fun levar
Perde-la miña gaitiña,
a perda non foi pequena
mas como gaitas me sobran
por eso non teño pena
Pro heiche dar un consello
que me pareza acertado
Escoita leutor amado:
Non queiras chanzas co demo
anque o vexas ben deitado!
Autor/a da transcrición: e~xenio
Poema da autoría de Caetano Arias López (1881-1952), tío da recitadora. Axúdalle a refrescar a memoria o seu fillo, J. Manuel Bermúdez Arias.