Datos biográficos:Orosia Gil Ramos naceu o 27 de marzo de 1922 no lugar da Alén, onde traballou nos oficios do campo, tivo gando, andou ao xornal e tamén trouxo á vida e criou un fillo, Manuel, que para os máis dos veciños é Manolo d'Orosia e actualmente coida con agarimo a súa nai. Filla ela do Tío Bautista, dos “Xiles” ou “Xilotes”, a señora Orosia criouse ao calor da fragua e coma o seu defunto irmán Eliseo -de quen se lembra tamén no lugar o seu saber no cantar e a elegancia no baile-, foi afeita a mazar no ferro, é forte e ten sempre sorriso na cara e a alegría xenerosa. Alén da arte do canto e dunha vasta memoria, que lle permite lembrar un grande número de coplas, coñece tamén outras historias de tradición oral, que conta co cariño e a cadencia precisas. Parece que lembramos aquel conto do año e máis a ovella, que estaban pacicando:
-Mamá, vámonos. Que virá o lobo, e comeranos.
-Pacica, meu fillo, pacica; que mañá choverá ou nevará, ou quen sabe o que fará...
E o lobo aparece, pero non triunfa.
Ólida Diz Ramos naceu o 22 de setembro de 1926. Coma as súas compañeiras, sempre foi tida por larga no traballo, e por boa veciña. A canda Orosia, mantivo a alegría das festas e conserva así mesmo unha memoria minuciosa dos avatares da vida do lugar, dos que foron para lonxe (o seu irmán Manuel, por exemplo: emigrado a Belo Horizonte, poeta e activista cultural entre os españois de Minas Gerais) e das historias que oiu de nena. Coma o caso da “Granxa de Balboa”, lugar mítico do monte da Alén onde foi desterrado un veciño «a onde non se oíse galo cantar nin campá tocar». De Ólida aprenderon moitos máis novos a tocar. A súa sobriña Ana, e a filla de Ana, Paula, herdaron dela a voz e o amor pola nosa música.
Alsira Gil Ramos, tamén da estirpe dos “Xilotes”, naceu o 14 de setembro de 1920 e morreu o 16 de febreiro de 2018 con 97 anos. Muller independente, traballou e fixo por vida en por ela, así coma as outras homenaxeadas. Aínda que os anos debilitaron as súas forzas, aínda hai pouco era o día que se prestaba a axudar a quen precisase. Debaixo do corredor da súa casa hai un banco onde aos veciños lles prestaba sentar ao abrigo a falar con ela dos seus recordos da vida. A pandeireta estaba enriba, na casa, sempre pronta, e na súa memoria garda as coplas que sempre cantou nas festas da aldea. Coma as súas compañeiras, viviu a vida no lugar, sacado unha temporada que, de nova, pasou en Pontevedra. En palabras dela: «Alá a xente é moi falante, coma aquí.» Sempre tivo unha palabra amábel para os que se achegaron polo lugar, o lugarciño da Alén que
...de lonxe parece vila
se non foran os outeiros
que ten do lado de riba.
[Poldo Cañizo]
Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións das Pandeireteiras da Alén no Proxecto Polafías.
[-]