Datos biográficos:Manuela Cortizo Medal, Manuela das Marianas, naceu o 13 de xullo de 1930 en Cerdedo (Pontevedra). De pequena trasladouse ao lugar de Barro de Arén, no mesmo concello, onde residiu desde entón. Alí casou con José Álvarez Sieiro, criou dúas fillas, Sinda e
... [+]
Datos biográficos:Manuela Cortizo Medal, Manuela das Marianas, naceu o 13 de xullo de 1930 en Cerdedo (Pontevedra). De pequena trasladouse ao lugar de Barro de Arén, no mesmo concello, onde residiu desde entón. Alí casou con José Álvarez Sieiro, criou dúas fillas, Sinda e Ana, e dedicouse aos labores do campo.
Da súa tía, Mariana Cortizo Lorenzo, aprendeu os primeiros cantos, que coa súa prodixiosa voz pronto lle deron renome e prestixio en toda a comarca. Foi fundadora e compoñente do grupo “Pandereteiras do Barro de Arén”, coas que gravou un CD, participou en programas de radio e televisión, e foi entrevistada por numerosos investigadores do folclore popular galego, cuxo resultado se pode comprobar en libros como Cantares de Manuela de Barro, de Calros Solla, e Cantareira de Barro de Arén. Manuela Cortizo Medal, de Xosé Lois Foxo.
O seu repertorio como cantareira é moi amplo: cantos de ronda, de berce, Reis, Nadal…, cantares de oficios (de arrieiros, alfareiros…), parrafeos, romances (históricos, de cego …), coplas de todo tipo, interpretadas con ou sen acompañamento da pandeireta.
Manuela foi unha muller alegre, de voz potente e transparente. Poucas veces tropezamos nas nosas camiñadas polo país con persoas tan sensibles e amantes da cultura tradicional, tan preocupadas pola recreación e difusión dos cantos e das músicas populares. Gardaba na súa memoria milleiros de pezas para cantar, pero tamén contos e lendas ou historias da súa querida Terra de Cerdedo.
Por todos estes méritos o concello de Cerdedo concedeulle a Medalla de Ouro, o concello de Forcarei a Medalla “Gaiteiro de Soutelo”. Conta co Diploma da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e co Diploma “Mestra da Memoria”, concedido pola AELG (Asociación de Escritoræs en Lingua Galega) o ano 2013.
Deixounos o 31 de xaneiro de 2018.
Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Manuela Cortizo no Proxecto Polafías.
[Antonio Reigosa]
[-]