A Asociación Cultural para a Recolleita e Difusión da Música Tradicional Galega O Tear de Llerena nace na cidade de Pontevedra, no ano 2000, co obxectivo primeiro de dar a coñecer a bagaxe cultural da sociedade tradicional galega á Galiza de hoxe.
O grupo de Pandeireteiros O Tear de Llerena xurde no berce da nomeada Asociación como formación estable desde o ano 2001. A traverso dela van dando a coñecer parte do importante Arquivo de Tradición Oral que se vai confeccionando dentro da Asociación desde a súa creación.
No ano 2005, os Pandeireteiros d’O Tear de Llerena editarán a súa primeira gravación de estudo, titulada “...a Jennifer...” (Edicións Falcatruada, 2005). Inclúe seis temas nos que a verdadeira protagonista é a voz -masculina neste caso-, acompañada de pandeiretas, latón, tixola, gaita e mesmo zanfona. Contén fundamentalmente cantares para o baile, agarrados ou soltos, extraídos todos eles do propio Arquivo do grupo, e procedentes de diversas zonas da Galiza coma Beariz (Ourense), O Morrazo, Mondariz ou Terra de Montes (Pontevedra).
Dense a súa formación, o grupo ten levado estas músicas por moi diversos lugares, tanto no seu entorno máis inmediato (Feira Franca de Pontevedra...) coma en diversos lugares da xeografía galega (Festa das Letras na Coruña, Noite Meiga en Ribadavia...) e mesmo fóra dela (L burro i l gueiteiro en Miranda do Douro -Portugal-; Festival Toxos e Xestas en Barcelona...).
Os pandeireteiros do Tear de Llerena son:
Marcelo González: Voz, pandeireta, tixola, bombo.
Xandre Outeiro: Voz, pandeireta, zanfona.
Xito Outeiro: Voz, pandeireta, latón, tamboril.
Guillerme Ignacio: voz, pandeireta, gaita de fol.
Miguel Sotelo: Voz, pandeireta, caixa.