Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu no m'acordo xa se era aquel clavo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentou,
que en día e noite sen cesar choraba
cal chorou Madanela na Paisón.
“Señor, que todo o podedes
-pedinlle unha vez a Dios-,
daime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición”.
E doumo Dios e arrinqueino.
Mais…quen pensara? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen que era delor;
soupen só que non sei que me faltaba
en onde o cravo faltou,
e seica..., seica tiven soidades
daquela pena…Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
quen o entenderá, Señor!
Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro