Lectura dun poema de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.
San Antonio bendito,
Dádeme un home,
Anque me mate,
Anque me esfole.
Meu santo San Antonio
Dáime un homiño
Anque o tamaño teña
Dun gran de millo.
Dáimo, meu santo,
Anque os pés teña coxos,
Mancos os brazos.
Unha muller sin home...
Santo bendito!
É corpiño sin alma,
Festa sin trigo.
Pau viradoiro,
Que onda queira que vaia
Troncho que troncho.
Mais en tendo un homiño
Virxe do Carme!
Non hai mundo que chegue
Para un folgarse.
Que zambo ou trenco,
Sempre é bo ter un home
Para un remedio.
Eu sei dun que cobiça
Causa miralo,
Lanzaliño de corpo,
Roxo e encarnado.
Carniñas de manteiga,
E palabras tan doces
Cal mentireiras.
Por el peno de día,
De noite peno,
Pensando nos seus ollos
Color de ceo.
Mais el xa doito,
De amoriños entende,
De casar pouco.
Facé, meu San Antonio,
Que onda min veña,
Para casar comigo,
Nena solteira.
Que levo en dote
Unha culler de ferro,
Catro de boxe.
Un irmanciño novo
Que xa ten dentes,
Unha vaquiña vella
Que non dá leite...
Ai! meu santiño,
Facé que tal suceda,
Cal volo pido.