Hai moita xente que di que á fonte da Penela dinlle así porque xorde dunha pequena pena, pero a min contáronmo doutro xeito e non che sei, non sei onde acaba a verdade e onde empeza a mentira. A min contáronme que o terreo onde está a Penela fora dun tal tío Pedro, home fraco e engurrado, e de sobrenome o Penelo, e que tiña unha filla á que alcumaban como ao pai, é decir, a Penela ou Peneliña. Ela era unha moza do máis normal, mais tiña un problema, padecía das papeiras polo que tiña un papo moi pronunciado. Pobre Peneliña, sempre andaba coas orellas gachas por mor daquela deformidade.
Pai e filla vivían nunha pallarega a rentes daquela pena, alí moraban eles, e aínda que eran moi pobres endexamais pidiran esmola, apañábanse co que tiñan, que non era moito, e xa se sabe: é unha boa empanada a vida do que non ten nada. O caso é que aquelas cousas naqueles tempos non tiñan moito remedio e no pobo cada quen tiña que apañarse como podía, non había outra.
Un día de cru inverno o tío Penelo morreu, talvez polas miserias que pasaba; daquela, a Penela quedou orfa no mundo e a súa pobreza era aínda maior, pero a vida non se sabe as voltas que pode dar. En calquera intre pode virar o vento, e abofé que para a pobre orfa virou para mellor e non cho pido que o creas, pero a min contáronmo así:
Resulta que unha noite a Penela tivo un soño, un soño mui pracenteiro. Nel aparecía o San Xurxo, que montaba un cabalo branco. Era un día antes da festa do pobo. Que tal Penela? - Díxolle- Xa nunca máis estarás soa, eu vouche axudar, hai que facer un buraco na pena e logo xa verás, o tesouro que agochan as entrañas da terra sairá á luz, como un chorro de vida. Entón o cabalo arrimouse á pena e deulle un couce, ao momento comezou a xurdir auga, e que auga!
Á mañanciña, cando espertou a Penela, ollou cara á pena e non o podía crer. Ao primeiro pensou que aínda estaba soñando, pero non, ela estaba ben esperta e na rocha que estaba detrás da súa choupana nacera unha fonte, unha fonte que deitaba unha auga fina e pura coma o cristal, e o que é aínda máis incrible: seica era auga milagrosa, que curaba o mal do papo e non sei cantas cousas máis.
No pobo todos os veciños quedaron abraiados. Non daban creto ao que vían e non era para menos. Vían a Penela tan lizgaira e tan fermosa, sen aquela papada que tanto a amolara e iso tiña que ser pola auga, ela bebía acotío na fonte.
Logo empezou a correr a sona de que a Fonte da Penela era milagrosa e ía chegando xente de todos os recunchos da bisbarra, e aínda de máis aló. Nunca se vira outro tanto, viñan de todos os lados, e viñan con moitas enfermidades e moitos sandaban, si señor! E botaban algunha moeda ao pé da fonte, e así a Penela foi saíndo da miseria. Algúns veciños envexosos non estaban conformes con que teimaron en dicir que a fonte era de todos, que a fonte era do pobo, pero a fonte sempre foi da Penela. Mágoa que ela morrera e que a fonte hoxe non sexa tan milagrosa. Mais aí está, meus amigos e amigas.
E disque agora o San Xurxo no día del deixa caer unha boa chuvascada ao mellor por se seca a fonte, que non lle falte auga á pobre, pero eu non o creo, non señor, iso é unha parvallada e unha cousa mala de crer.
Autor/a da transcrición: Estefanía Mosquera Castro