Como dixen antes, vou ler unha pasaxe de Argalladas da Farruca ¡Sálvese quen poida! de Nicolás Varela Cabana. É unha especie de regueifa, ao fin i ao cabo. A parte que vou ler pertence ao segundo lance que é donde hai máis batalla, vamos dicilo así. Di o II Lance, comeza así:
Onde Farruca, a Criticona, conta o palique, coa Maripepa, da rifa que tiveron Xana, a muller de Xan, e a Zapateira por cousa de presumir de filla e os resultados a terceiros que se produciron.
FARRUCA:
Onde houbo a fin do mundo
foi aló no Liboreiro,
a muller de Xan da Burra
rifou coa do Zapateiro.
Alí houbo para todos,
do primeiro ó derradeiro,
saiu todo a relucir,
non quedou can tras do palleiro.
Alí non quedou por puta,
alí non quedou por ladra,
nin quedou por someteira
nin quedou por mal casada.
E ningunha vale o carto
que custou o bautizala.
A de Xan é boa burra,
a do outro é bo cabalo,
eu quixera ver ás dúas
xunguidas ó mesmo carro.
Eu son nai, como ti sabes,
dunha filla casadeira
e non ando coma elas
mais que me quede solteira.
Ti riste caladamente,
coidas que conto mentiras,
podes crelo así eu medre
o mesmo que se o viras.
(MARIPEPA): ...
FARRUCA:
Poida que n'o conte todo
porque a min non me importaba,
eu todo o que non me importa
non fago caso de nada.
Mira ti como empezaron,
todo por culpa das fillas,
porque teñen competencia
a quen as trai mellor vestidas.
E dixo a de Xan da Burra
con cara de endemoniado:
XANA:
Comparada coa miña
a túa é un bandallo.
Teño pra ela de todo,
teño unha hucha atacada
e non quero que ti digas
que á miña lle falta nada.
Como sabes, mala zorra,
teño hórreo e bo palleiro
e ti serás toda a vida
a muller dun zapateiro.
FARRUCA:
"Pois xa podes ter fachenda"
repricoulle a zapateira.
Ti serás Xana da Burra,
queira Deus ou non o queira.
FARRUCA:
Comenzou así o lío
que as fixo pelexar
e estiveron todo o día
sen voltar ó seu fogar.
Do demais...en fin, etcétera,
xa te podes decatar.
Unha que tiña prá unha,
outra que tiña prá outra,
e ningunha pesca un rabo
que ningunha é moita cousa.
Ambas fillas son iguais
e non cansan de chufalas
¡canto sofren esas nais
co desexo de casalas!
E tamén a Zapateira,
que de parva non ten nada,
sen pensalo un anaquiño
riuse dela á gargallada.
Porque ela, cando rifa,
ten costume de se rir
para apaiolar ás máis
e non saiban que dicir.
Berra o que lle dan as gorxas,
é moi pilla a condanada
a de Xan quedouse couga
ela segue ó que xa estaba
e dixo:
ZAPATEIRA:
Falta fai que teñas moito
que ela soa é pouco ou nada.
Nin ten tetas nin ten cu,
fin ten pernas nin ten cara.
Encima, pra máis vergallo,
non é ben espabilada...
é mellor pra un espantallo
que pra ser muller casada.
FARRUCA:
Pero Xana sempre presta
pró que poida acontecer
e tamén cravoulle esta
que a fixo estremecer.
XANA:
Que tes ti, meiga do demo!
nin presente nin porvir;
se che morre o Zapateiro
só che queda ir pedir.
Hei casar á miña filla,
queira ou non a Zapateira
e non coides bruxa tola
que me vai quedar solteira.
Teño eu moito para ela
e ela moito quen a queira.
Se tiveses para a túa
a metade dos da miña
xa podías ir á igrexa
a cantar a panxoliña.
Tenos pra tunar á porta,
tenos pra xogar na eira,
tenos pra bailar na festa
e ir palicar á feira.
¡Aínda onte foi á fía
e botou catro na xeira!
Autor/a da transcrición: e~xenio