OUH qué pantasma tan branco es, aldea miña,
baixo esta lúa xeada do xaneiro campesino.
Polas viñas núas e os camiños a repelo da paisaxe
sinto avanzar a Santa Compaña das lembranzas
que alumean a miña saudade cun sentimento xubiloso da morte,
porque eu, enantes que ser este bichiño que axexou a vida por un buraco cósmico,
tal vez fose aquele lilailo pintasilgo
que choutaba ledamente,
chas, chin, vermello, amarelo,
polas gallas dunha cereixeira en frol
Ou tal vez, fondo sono de pedra,
puden ser aquele penedo roxo e violeta que brilla nos solpores.
E por todo iso non me decato que, con esta,
xa levo nacidas tres veces
e outras tantas é forzoso que deba morrer
se quero acadar aquela estrela que escintila polo fío do monte.
Por sempre louvada, miña saudade,
e abenzoado o día en que meu corpo moído polo muíño do tempo
sexa unha poeira namorada
que soña coas ladaíñas das chuvias.
Autor/a da transcrición: e~xenio