Cántigas da Terra: Coa creación da Irmandade da Fala da Coruña, o primeiro nacionalismo precisa pragmatizar os seus ideais de recuperación da identidade propia. Con tal fin nace Cántigas da Terra (1916). Nun contexto de emoción e creatividade, produto do amor pola Terra, xermolan o canto, o baile, o teatro, a poesía, a pintura... trátase dunha proposta que implica a case que todas as disciplinas culturais nun momento clave: os albores da globalización, nos que xa se albiscan síntomas de esquecemento e menosprezo cara ao propio. Ademais, Cántigas axiña toma iniciativas importantes como a incorporación das mulleres (1921).
Até o cruento golpe do 36, o Coro mantivo unha intensa ligazón co movemento galeguista, mais cando comeza a guerra son moitos os que se agochan, foxen ou son fusilados e Cántigas tivo que se adaptar ao novo réxime de ditadura. Con todo, manter o canto en galego e a negativa a integrarse na Sección Femenina simbolizan grandes logros nesta difícil circunstancia. Na altura, o coro florece no musical e gaña popularidade, realizando multitude de viaxes e gravacións. Outro fito salientábel é que Cántigas consegue para Galiza o recoñecemento como nación celta dentro do II Congreso do Mundo Celta (Bretaña, 1954).
Actualmente Cántigas da Terra está formado, ademais do coro, por grupo de gaitas, grupo de zanfonas e corpo de baile. A entidade traballa na recuperación do espazo que lle é propio dentro do País, no uso normal da nosa lingua e na interrelación entre as distintas disciplinas culturais, cumprindo o desexo dos seus fundadores.
O repertorio constitúeno cántigas recollidas do imaxinario popular, moito antes de que a radio e a televisión fixesen aparición nas casas. Tamén outra boa parte foron compostas por músicos que lograron crear melodías con tal mimetismo que moitas conseguiron ser adoptadas polo pobo, volvéndose anónimas. Canto ás harmonizacións destaca a sensibilidade e o respecto dos mestres polas músicas recollidas (en calquera peza recoñécese sempre a liña melódica orixinal).