Non quero ocultarlle algo sobre min
que non sabería nunca con certeza
se eu non llo dixese.
Poderíalle ofrecer o espacio que eu ocupo,
as palabras, a forza e a firmeza
que se alimenta deste amor perplexo,
en estado de gracia cada célula;
e as sombras conquistadas e cautivas,
ou a enerxía suicida da miña doce entrega
ó novo territorio inexplorado
da súa existencia recén descuberta.
Sereo e decidido, intérnome sen medo
nese novo mundo descoñecido
e intento resolver a incógnita
da súa indiferencia, o seu misterio,
cada día máis sonámbula e inerme
a miña ollada namorada dela.
Ten que saber todo o que aínda non sabe
de min e dos meus escuros pretextos
antes de que este soño derradeiro
se mergulle no océano da nada.
Pero seguirá ausente ou sempre protexida
da morte en "stand by" que me acompaña.
Preferiría que herdase o que aínda tiña
antes de apostar vida, morte e alma
nunha única partida que perdín;
e cando o executor veña cobrar a débeda,
dareille a alma e a morte, deixándolle a ela a vida
que non utilicei, e que aínda segue intacta.
Así estaría con ela dalgún xeito:
no seu corpo por riba desta terra,
e o meu debaixo dela
Autor/a da transcrición: e~xenio