Memoria do "Taboada"
As tradicións dos nosos antergos que reflicten uns tempos de miserias, inxustizas e de caciques que sometían a moita xente á mendicidade máis infrahumana que darse puidera, sin que por elo houbese quen, coma o "Taboada", fixera da esmola filosofía da vida e gañase a simpatía dos veciños da bisbarra que o acollían con agarimo pola súa intelixencia habilidosa de conquistar aos xenerosos que facían caridade.
Paradóxica e curiosamente, os apelidos non saben de ricos e pobres, xa que si na opulencia da Casa de Tor se apelidaban Taboada, tamén, ao menos, un mendigo igualábase no apelido; menos mal que naquela época non suprimiron de poder firmar coma eles.
De "Taboada", a imaxe que eu teño de cando o coñecin, alá polo 1939, con doce anos, na casa de meu avó en Vilaoscura -Sober- que lle daba sempre unha cunca de caldo e un vaso de viño no verán, diríache que "Taboada" tiña boa figura física, farrapento, cun saco ao lombo para recoller algunhas esmolas e que durmía nas palleiras de herba, pero que gozaba da simpatía dos pobos que recorría, case que sempre a pé, e que eu saiba, era famoso no Saviñao, Pantón, Sober, Bóveda e quizabes até Sarria. Tiña aínda facultades para traballar pero cando lle ofrecían comida á troco, sacaba a súa habilidade e despois de comer usaba as súas argalladas simpáticas que o fixeron famoso. Por exemplo, se lle ofrecían picar leña por darlle o xantar, dicía que si, pero logo de comer, entráballe a folga e ao mellor sacaba unha corbata vella do saco, poñíaa ao pescozo e dicíalle ao contratante co seu humor simpático e sedutor: "Ja, ja, ja, ¡qué carallo! un home de chelina vai picar na leña, ¿estás tolo ou que?".
Tamén o dos piollos que xa vos contei, porque non paraba de rascarse e darlle aos ombreiros con inquietude, e se lle dicían: "Estáte quieto, Taboada!", el dicía: "Que esteñan iles, carallo, que esteñan iles!".
Outro que me contaron é o de que unha vez, un coñecido, indo no seu coche de Monforte a Bóveda, que o apreciaba, porque el era querido nos pobos, compadecéndose del, parou e ofreceulle montar, o cal fixo gustoso, pero cando ía achégandose onde el tiña pensado quedar, preguntóulle ao dono do coche: "E pódese saber canto vou gañando? Ja, ja!". Naturalmente, o condutor riuse do interrogatorio pero el aproveitou para espetallerle: "Se non vou gañando nada, fai o favor e apéame".
[Texto de Germán López Quiroga]