Germán López Quiroga é ferroviario xubilado, nado o 20 de marzo de 1927 en Escairón, O Saviñao (Lugo). Escritor, colabora en xornais e outras publicacións, e poeta. Ingresa por oposición en RENFE en 1947 e xubílase como Xefe de Estación en Monforte en 1991.
Exerceu de Relacions Públicas da Coral Internacional de RENFE de Monforte de Lemos, e da Coral Polifónica do Concello de Monfortre de Lemos. Pertenceu como rondallista á de Xosé Pallares, e a Benfeita. É autor de varios libros: Historia de un paseo, Cousas en galego, Nostalgia, evolución y futuro del ferrocarril. É membro da Asociación "Poetas da Riberia Sacra". Autor da letra da canción titulada “O viño da Ribeira Sacra (musicada e editada en CD pola Banda de Acordeóns e a Coral do Concello de Monforte gravado na TVG), autor da letra do himno do Arenas Club de Fútbol de Monforte de Lemos.
En 2005, con motivo do Día das Letras Galegas, foi recoñecido co primeiro premio de poesía do Concello de Quiroga por "A gaita ri, a gaita chora". Nomeado Poeta Oficial da Sociedad Cultural y Recreativa La fraternal en 2007. Foi Premio periodístico Ribeira Sacra e gañador do Concurso de Poesia de Quiroga, 2009.
Memoria do "Taboada"
As tradicións dos nosos antergos que reflicten uns tempos de miserias, inxustizas e de caciques que sometían a moita xente á mendicidade máis infrahumana que darse puidera, sin que por elo houbese quen, coma o "Taboada", fixera da esmola filosofía da vida e gañase a simpatía dos veciños da bisbarra que o acollían con agarimo pola súa intelixencia habilidosa de conquistar aos xenerosos que facían caridade.
Paradóxica e curiosamente, os apelidos non saben de ricos e pobres, xa que si na opulencia da Casa de Tor se apelidaban Taboada, tamén, ao menos, un mendigo igualábase no apelido; menos mal que naquela época non suprimiron de poder firmar coma eles.
De "Taboada", a imaxe que eu teño de cando o coñecin, alá polo 1939, con doce anos, na casa de meu avó en Vilaoscura -Sober- que lle daba sempre unha cunca de caldo e un vaso de viño no verán, diríache que "Taboada" tiña boa figura física, farrapento, cun saco ao lombo para recoller algunhas esmolas e que durmía nas palleiras de herba, pero que gozaba da simpatía dos pobos que recorría, case que sempre a pé, e que eu saiba, era famoso no Saviñao, Pantón, Sober, Bóveda e quizabes até Sarria. Tiña aínda facultades para traballar pero cando lle ofrecían comida á troco, sacaba a súa habilidade e despois de comer usaba as súas argalladas simpáticas que o fixeron famoso. Por exemplo, se lle ofrecían picar leña por darlle o xantar, dicía que si, pero logo de comer, entráballe a folga e ao mellor sacaba unha corbata vella do saco, poñíaa ao pescozo e dicíalle ao contratante co seu humor simpático e sedutor: "Ja, ja, ja, ¡qué carallo! un home de chelina vai picar na leña, ¿estás tolo ou que?".
Tamén o dos piollos que xa vos contei, porque non paraba de rascarse e darlle aos ombreiros con inquietude, e se lle dicían: "Estáte quieto, Taboada!", el dicía: "Que esteñan iles, carallo, que esteñan iles!".
Outro que me contaron é o de que unha vez, un coñecido, indo no seu coche de Monforte a Bóveda, que o apreciaba, porque el era querido nos pobos, compadecéndose del, parou e ofreceulle montar, o cal fixo gustoso, pero cando ía achégandose onde el tiña pensado quedar, preguntóulle ao dono do coche: "E pódese saber canto vou gañando? Ja, ja!". Naturalmente, o condutor riuse do interrogatorio pero el aproveitou para espetallerle: "Se non vou gañando nada, fai o favor e apéame".
[Texto de Germán López Quiroga]