Lucinio Gil Tato (12-5-1942), Marina Tato Varela (27-7-1946), Jaime Diz Cañizo (23-3-1940), Lidia Valiñas Durán (27-11-1934), Dorinda Barros Rivas (11-9-1923), Aurelio Ramos Ogando (23-6-1928).
Nos seis lugares da parroquia celebrábanse, deica mediados dos anos 50, festas cada xoves e cada sábado. Aínda hoxe, en ocasións especiais coma a festa do patrón (o 6 de agosto) os veciños xúntanse e emerxen cantares coma os que aquí nos ofrecen. Entre eles, a ronda de "Ai ruíña, ai ruada", co que se podía abrir a festa ou "foliada". Outros son probablemente de fóra de Galiza, traídos polos veciños que ían traballar por España adiante, fose ás segas ou polo seu oficio.
Xa o di a copla:
Xirarguiña para cantar,
Xirarguiña para cantar.
Anque non cantan moi alto
sábeno adoneirar.
PANDEIRETEIRAS DA ALÉN
Orosia Gil Ramos, Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos (90 anos, 90 anos e 85 anos)
Dos seis lugares da parroquia de Xirarga sempre destacou o lugar da Alén pola sona do ter moi bos tocadores, cantadores e bailadores.
Noutro tempo, en que na Alén había un cento de veciños, era frecuente oír os seus cantares cando volvían cos carros cargados de toxo, de centeo ou de herba seca polo Casteliño abaixo.
Gardamos na memoria aqueles seráns na eira da Alén, ou no Santo Domingo, ou na carballeira do Cotapereira..., nos que nos regalaron a todos a súa beleza.
Orosia, Alsira, Ólida, Celsa, Sara, Aurelio, Adelia, Odilo, Manolo e tamén Eliseo, Raúl...
Os Xiles, "os Xilotes", os fillos do tío Bautista, Eliseo e Orosia, naceron cun aquel especial. Criados ao calor da fragua, afeitos a mazar no ferro, fortes e mais sempre co sorriso na cara e a alegría no corazón.
Lembramos a fermosura da voz de Eliseo cantando "Aires de la Habana", lembrámolo cantando "Baila aquí, baila aquí mi morena" e tantas outras... lembrámolo tamén bailando coa súa muller Celsa. Os pés sempre flotando no aire, marabillosamente lixeiros.
Orosia segue sorríndonos, abrazándonos, abríndonos a porta da súa casa na Alén. Orosia segue emocionándonos cando desde a súa solaina nos canta o romance "Eran dos enamorados que se querían".
Alsira, tamén é dos Xilotes, non o nega. Debaixo do corredor da súa casa hai un banco, aos veciños préstanos moito sentarse alí ao abrigo a falar con ela dos seus recordos da vida. A pandeireta está enriba, na casa, sempre pronta, e na súa memoria garda as coplas que sempre cantou nas festas da aldea.
O xeito de tocar dos da Alén é distinto ao do resto dos lugares. "Nós dámoslle outra volta" dinos Ólida. Con Ólida aprenderon moitos máis novos a tocar. A súa sobriña Ana, e a filla de Ana, Pauliña, herdaron dela a voz e o amor pola nosa música.
Hoxe aquí, que toquen coma antes, só están Orosia, Alsira e Ólida. É un pracer oílas tocar e cantar. Elas son o noso tesouro inmaterial que queremos conservar e transmitir.
[Texto de Marisa Guerra Cañizo, Ana Guerra Cañizo e Poldo Cañizo Durán]