Labrego nacido na aldea de Vigo dos Toxos (Santirso de Vilanova) e casado no lugar de Folgueira (Cerqueda) que conta cunha grande capacidade de oratoria coa que logra engaiolar o máis exquisito auditorio. A súa personalidade é mostra fiel do amplo elenco de persoas que eran capaces de demorar as horas da noite transmitindo contos, sucedidos, coplas e fragmentos de regueifas non só a carón da lareira senón mesmo nos días de comunais tarefas agrícolas como a esfolla.
Xosé Manuel Varela Varela: Isto que estades escoitando aquí é histórico porque eso nunca se recolliu en ningún aparello como estamos facendo hoxe. Simplemente unha señora, viciña del, el casou pra Folgueira, sabedes, desfollando, pois íalle transmitindo toda esta tradición do ano 20, que é un dato curioso que unha regueifa que serviu pra solucionar un preito. Dous que se levaban a mal, pero vamos a ver, estamos aquí un contra o outro, facemos unha regueifa e tiramos pra diante. Ardeleiro, na literatura popular oral de Cerqueda, ten importancia porque aquí houbo unha comparsa que hoxe recollemos varias coplas dela, xa falaremos noutra ocasión.