Manuel Uxío García Barreiro naceu en Moaña (Pontevedra) o 29 de marzo de 1947.
Estudou bacharelato por libre cun mestre de Moaña e os cursos superiores no instituto Santa Irene de Vigo, a onde había que trasladarse en barco de pasaxe tódolos días. Xefe de Máquinas da Mariña Mercante, logo de dous cursos na Escola de Náutica de Cádiz e outros dous na de A Coruña. O título foi conmutado logo polo de Licenciado en Máquinas Navais.
Navegou sete anos en barcos mercantes onde se dispuña de moito tempo para a lectura e posibilidades de visitar museos e todo tipo de monumentos, etc.
Mais de 30 anos de traballo profesional en terra con moitas oportunidades de desprazamento por toda a xeografía española, coa conseguinte oportunidade de facer rutas do románico, ver museos, catedrais, castelos, asistir a exposicións etc.
Co asentamento na casa centenaria matriz, a carón da igrexa románica de San Martiño e o conseguinte tempo libre, xurdiron as ocasións de investigar no “Archivo Histórico Nacional” do que procede o primeiro documento vencellado con Moaña, feito en latín no 1.237 e logo facelo no diocesano de Santiago onde se encontra parte do arquivo parroquial; de seguido traballouse no arquivo histórico de Pontevedra, no do Reino de Galicia de A Coruña e no da Universidade compostelán.
Coa lectura das fotocopias conseguidas e de outros documentos orixinais in-situ, incluíndo documentos inéditos en mans particulares, escribíu varios artigos que foron publicados na web da biblioteca municipal, xornal Faro de Vigo, revistas da Asociación de Veciños de Verducedo, libros de festas, etc.
Tamén promoveu exposicións na reitoral, impartíu charlas para a Asociación de Mulleres, escolas, centros de día, etc. e no ano 2.006 contribuíu ao homenaxe aos 26 náufragos do pesqueiro “Ave del Mar”, facendo un libro conmemorativo do seu 50 aniversario, nomeado “Moaña no camiño do mar”.