Polafía: Cerdedo (Pontevedra)
Lugar: Antiga Cámara Agraria
Data: 1 de decembro de 2007
Informante/Intérprete: Manuela Cortizo Medal
Idade no momento da gravación: 77 anos
Xénero: Canto de arrieiro
Clasificación tipolóxica: Alalá relacionado co oficio do arreo
Gravado por: Ollo de Vidro
Editado por: e~xenio
Estas cántigas tan pouco ritmadas, con temática literaria relacionada co arreo, foron clasificadas desde vello por autores como Marcial del Adalid, Espinosa ou Casto Sampedro, como cantos de arrieiro. Musicalmente forman parte dun xeito vocal hispánico moi arcáico que ten xéneros por toda a península.
En Andalucía hai varios aínda que están moi redondeados pola intervención permanente da guitarra. En Asturias está a denominada tonada asturiana. A primeira catalogación que coñecemos deste tipo de cántigas en Galicia é a que fixo Manuel Murguía en Historia de Galicia, 1.847, chamándoas alalás, seguramente pola frecuencia con que se daban versos baleiros do tipo “a la la la …”
A esta interpretación nótaselle unha influencia discográfica porque os cantos orixinais estaban integrados por unha única estrofa, rematada, iso si, por refráns semellantes ao que nos ocupa agora. Ás veces, como xa se apuntaba, estes refráns incluían versos baleiros se é que non aparecían xa nas repeticións dos versos da estrofa.
Desde a aparición dos Coros Galegos (Aires da Terra de Pontevedra en 1.887, Toxos e froles de Ferrol en 1.917, De Ruada de Ourense en 1.919, etc.) estes cantos foron un obxectivo codiciado e as edicións discográficas incluíanos moitas veces, agrupados en dous ou tres, interpretados polos magníficos solistas que tiveron todas estas formacións. Pode criticarse o intervencionismo daquelas agrupacións folclóricas no repertorio tradicional pero, sen elas, tal vez cántigas coma estas terían xa desaparecido.
Asesor musical: Juanjo Fernández