Aparece Técola no arredor da heredade, e chega Perucho a falarlle en ademán triste sentándose xunto a ela.
Perucho. Tecoliña meu encanto,
pouco importa nos amemos,
se parce que os mesmos demos,
pois non pode ser ningún santo,
pretenden o separarnos,
que para min é morrer.
Técola. Que che poido suceder,
home, pra tanto pranto?
Perucho. Apenas podo contalo,
mais atende o que me pasa:
xa sabes que a miña casa
é moi levada ao bandallo
da tía Goras de Rabal,
aquela gran zalameira,
envolvedora e embusteira,
que vive polo noso mal.
Pois esta boa muller
propuxo hai tempo a meu pai,
que para casarme hai
conveniencias a escoller.
Entre varias que apuntou,
dixo que a ama do crego
sería o mellor emprego,
o que meu pai aceitou.
Sin rapio o demo eu saber
cousa algunha, o vello onte
díxome á noite 'desponte,
que vou darche muller'.
Anque algo me turbou
o xudas da novedá,
calei; hasta esta mañá
que consigo/comigo me levou.
Fomos á casa do crego,
que achamos moi galloufeiro,
amais ao gran lambaceiro
do irmán da ama Xan Prego.
Almorzamos grandemente,
e sin preguntarme nada,
deron por feita e acabada
a voda correntemente.
Pra domingo as municións
di meu pai que han de correr:
eu toleo, esto é morrer:
volva por nosoutros Dios.
Técola asustada, e como sentida.
Técola. Por min fai o que quixeres;
a ama do crego ten:
que se o ganou mal, ou ben,
non o deben dicir mulleres.
Teu pai está por medrar;
a ti pouco che debín,
cando sin decirmo a min
te foches a concertar.
O termo hastra aquí encuberto
foi unha gran picardía;
e o dicir que non o sabías,
eso, Perucho, no'é certo.
Quíxente moito, e engañeime,
servirame d'escarmento,
que para divertimento
bastou; arrepentireime.
Levántase precipitadamente e vaise.
Perucho. Escoita, mira, detente,
non sexas desesperada,
que, así Dios me salve, nada
souben hastra o presente.
Pobre de min, non me oíu!
Por un lado ten razón,
que lle sobra, pero non
en pensar que o sabía eu.
Como demonios farei
para empantanar o caso?
meu pai é duro e perrazo,
e por tema non ten lei:
o crego se ha d'enfadar
se lle digo que non quero;
e miña nai...
Vén o vello cun legón encima do ombreiro.
Vello. Que estás facendo rapaz?
Por que non te vas choer?
Perucho. Pra o que teño de comer,
traballe quen tiver mans.
Vello. En eso que ques decir?
Ti tes algunha delor?
Perucho. Algunha teño; (e di polo baixo) o mellor
será non descubrir.
Vaise aceleradamente, e o vello vólvese para casa onde achará a Goras, e póñense a conversar.
Gorás. Ai Xan, á túa casa hoxe
non lle dá o vento unha volta;
que haxa o que queira revolta
non hai medo que ela afroxe.
A nora que vas traguer,
ademais do que ela ten,
fai de conta que tamén
o curato vas comer.
Quen te verá recoller
polo agosto aquí a sincura,
e todo o ano a grosura,
será o que hai que ver!
Vello. Estou contento coa conta;
que anque a moza é algo fidalga,
n'hai cousa sin sobrecarga;
todo xunto non se encontra.
Goras. Cal fidalga, toleirón!
parece así por bonita:
que o demais, non se lle quita
a palliña o seu bandón.
Se non fora para ti,
non a lograba ninguén,
que o crego séntea ben,
e val Dios que queda aquí.
Entra Perucho desazonado e triste.
Goras. Hoxe naciche, Perucho,
a tía Goras foi boa.
Perucho. Non sei eu que hastra d'agora.
Goras. De cantos colle a campana,
que xa ves que non é pouco,
solo o fillo de Xan Rouco
cede o noso crego a ama.
E quen fixo este milagre,
sendo que había golosos,
e quedan tantos ganosos?
A tía Goras, Dios llo pague.
Perucho. Amais o demo tamén,
que eu eso non llo encarguei.
Vello. Foi teu pai, que o mesmo ten.
Perucho. Pois eso non llo estimei.
Vello. E i que chata lle pos
para estar tan descontento?
Perucho. Que todo é falar no vento:
non quero, acabouse, adiós.
Levántase o vello a coller un pau, e fuxe Perucho.
Vello. Alma que te ha de cebar,
puta que te ha de parir!
Ques o teu gusto cumprir?
Non é eso, no que hai que pensar!
Agarra a Goras.
Goras. Tente Xan, que é tolaxada:
o rapaz quer, amais ben:
déixame co'el, que tamén
souben ser namorada.
Vello. Pro muller, ti non o ves,
o que con el teño gastado
pra libralo de soldado;
e agora tal altivez?
Heino de esgazar ao medio
se se dá en facer o louco!
que mentras viva Xan Rouco,
ha de mandar, sen romedio!