Antonio Raposo Vidal
Nace na vila de Arzúa o 30 de marzo de 1973; a música sempre estivo presente na súa vida, pois nace nunha familia na que a música xoga un papel fundamental, aparecendo de un modo constante. Foron varios os instrumentos cos que tocou ao longo da súa vida, pero hoxe en día a gaita é o que ocupa o seu tempo.
No coro galego Cántigas da Terra da Coruña aprendeu practicamente todo o que sabe sobre a música tradicional; Alexandre Ruiz Vázquez e Ricardo Santos Blanco foron os seus Mestres e por eles soubo dos Aires da Terra, dos Morenos de Lavadores, dos Campaneiros, dos Enxebres de Cacheiras, dos Tempranos de Eirís, da Coral de Ruada, de Paco de Escornabois e de tantos outros que dándolle aire ás gorxas e ás palletas propiciaron e seguen acadando tempos mellores para o noso país.
Tocou en diferentes agrupacións, colaborando acotío con algunhas delas, pero Os Melidaos son hoxe a agrupación onde vén desenvolvendo a súa actividade como músico, vivindo a música tradicional non como algo do pasado feito no presente, senón como unha verdadeira tradición que, como tal, é eterna.
Os Melidaos
O grupo de música tradicional galega Os Melidaos naceu no ano 2001 en Melide pola unión de músicos de diferentes xeracións e variada procedencia que consideran que a música tradicional é un tesouro que cómpre conservar. Este grupo vén desenvolvendo a súa actividade musical, desde hai case vinte anos, con aquel principio como guía.
Os sete membros dos Melidaos son:
Pepiño Blanco López. Bombo (Melide)
Antonio Raposo Vidal. Gaita, pínfano e pandeireta (Arzúa)
Xele Barrio Blanco. Acordeón (Melide)
Carlos Barbeito Bello. Gaita (Oleiros)
César Tarela Pérez. Tamboril (Boiro)
Luís Sánchez Bolón. Gaita e pandeireta (A Coruña)
Felipe Sar Pose. Voz e pandeireta (Muxía)
O repertorio dos Melidaos nútrese de pezas do cancioneiro tradicional, dos arquivos dos catro Coros chamados Históricos, de diferentes cuartetos de gaiteiros ou agrupacións relevantes do noso país, de cancións recollidas por eles mesmos así como de un número importante de pezas da súa propia creación.
Discos publicados
Os Melidaos suman xa catro discos gravados:
Que ben baila, que ben baila (2009)
Axudádeme a cantar (2012) no que incluíron, por vez primeira, as voces dos seus membros.
Festa na Codeseira (2015) con máis da metade das pezas tamén cantadas.
Tribo Nosa (2019) Un disco de 15 pezas no que a maioría xa son de composición propia.
Os Melidaos levan anos investigando, conservando, poñendo en valor e divulgando a enorme riqueza musical deste país. Un grupo que goza coa nosa música, que busca a información de cada unha das pezas que interpreta, que respecta coa máxima fidelidade as cancións que chegan ata eles e que, por enriba de todo, amosan orgullo interpretando a música galega.
Coros Históricos
Os Melidaos decláranse profundos admiradores dos catro Coros Históricos que existen na actualidade, ademais dos coros galegos de nova formación como Cantares do Brión, por exemplo. Non hai actuación na que non reclamen publicamente un apoio serio e decidido para estas formacións fundamentais na música tradicional.
“A música tradicional é un tesouro que cómpre conservar. Debemos apoiar, potenciar e respectar a nosa música porque forma parte esencial da nosa cultura, do noso ser como pobo. O pobo que non amosa orgullo polas súas raíces, non terá futuro como tal”.