O dezasete de xaneiro
no monte da Penacova
os de Muíñas e Moreda
xuntaron a xente toda.
O Escribano corría,
Manuel do Campo voaba
i o Vicentiño Cartelle
somentes Deus o apillaba.
Ti que queres meniña,
ti que queres muller?
Quero se-la raíña
pra facer o que eu quer.
Algo máis quererías
que eu che poida ofrecer.
Uns zapatiños novos
que hei d'ir bailar co Rei.
Din que a Emilia do Cardelle
tola por (zoas) andaban
aló pola media noite
a buscar homes pra cava.
O Rigueira non estaba,
o (Rabelas) ía en Lugo
e o Ramón do (Andruque)
quedouse coma un peludo.
Ti que queres mociña,
ti que queres muller?
Quero un mociño guapo
que me saiba querer.
Algo máis quererías
que eu che poida ofrecer.
Unha cantiga nova
para o meu caravel.
Todos ca anxada no monte
muller e home por igual,
ata Esmeralda do Riegue
co seu peinado ideal.
Ao mencer xa remataran
e as borreas fume fan,
terra vella anovada
para sementa-lo pan.
Ti que queres María,
ti que queres muller?
Quero castañas cocidas,
leite mazada e mel.
Algo máis quererías
que eu che poida ofrecer.
Te-la luz dos teus ollos,
quérote a ti, meu ben.
Saiban todos que estas coplas
son do Erundino do Oubaldo
que andaba na cuadrilla
na cuadrilla do Escribano.
Darase por ben pagado
o que llas está cantando,
(cun) nosopai para o cego
i un caldiño pra ir tirando.
Autor/a da transcrición: e~xenio