Dálle unhas notiñas (incomprensíbel)
Camiñantes que andades
por camiños e corrupias,
se queredes informarvos,
descansade un anaquiño.
Novas temos que alimentan
as vosas curiosidades;
dádelle descanso ao corpo,
e á alma, grandes verdades.
Esta que imos contar
é a historia aprosimada
do fuxido Curuxás,
defensor da democracia.
Nunha beira do camiño,
moi preto do Careón,
moi preto de onde nacera,
alí apareceu Ramón.
Ramón Rodríguez Varela,
alcumado Curuxás,
nome do lugar de Palas
onde chegou de rapaz.
E despois fíxose mozo,
moi valente e arroutado,
e por toda A Ulloa
era un mozo respectado.
Deitou a un de Melide
nunha taberna de Palas,
e a un tratante portugués
sacoulle pistola e balas.
Na lagoa da Gaiola,
aló polo Carballal,
dous gardas guindou á auga
cando ía mocear.
Mocear con Marcelina,
coa que despois casou;
seis fillos eles criaron
Marcelina e mais Ramón.
E para ganar a vida,
e para matar a fame,
foi canteiro e carpinteiro,
e mineiro en Lousame.
E na mina de Lousame,
na que volframio arrincaba,
a un capataz moi chulo,
ceiboulle unha labazada.
Curuxás sindicalista,
defensor dos seus amigos,
dos dereitos laborais
e do goberno escollido.
Con tales antecedentes
diante da couza espuria,
Curuxás tomou as armas
pra defender a República.
E bateuse en loita nobre
pra defender A Coruña,
onde lle deu morte a un garda
pra salvar a vida súa.
E a enxurrada golpista
deu en sementar o horror.
“A min, vivo, non me pillan”
Dixo el, nunha ocasión.
Os apóstolos do odio
comezaron os paseos.
Curuxás bótase ao monte
para salvar o pelello.
E por cobrar os xornais
que a mina lles debía,
volveu un día de pagos
e levou canto había.
Dando un "Viva a República!"
e armado de pistola,
levou sete mil pesetas
da mina esplotadora.
Despois repartiu o botín
cos compañeiros fuxidos.
E con máis teima aínda,
foron todos perseguidos.
Pero grazas aos amigos
como Ouro de Leilón,
atopou sempre agocho
por terras do Careón.
Marcelina empreñou,
estando Ramón fuxido.
Proba da súa presenza
tiveron seus enimigos.
Varias veces arrodearon,
as forzas dos insurrectos,
a casa de Curuxás
por ver de pillalo dentro.
A tiros ou ás carreiras,
Ramón sempre lles fuxía,
por iso, un tal Dacal
abusou de Marcelina.
E Dacal pagou ben cara
esa súa felonía,
na seguinte encerrona,
o cabo perdeu a vida.
Curuxás fuxiu a tiros,
Dacal estaba na porta,
e recibiu unha bala
no bandullo a queimarroupa.
Quedou ferido de morte
e deitado no camiño;
levárono ao hospital
os gardas e os veciños.
Pro outro día morreu,
pola ferida mortal,
o covarde abusador
chamado cabo Dacal.
E as forzas represoras
nunca a Curuxás pillaron,
o único guerrilleiro
que non puido cazar Franco.
Por que?
Antes do cantar dos galos,
en Irago de Abaixo,
o cadáver dun bo home
é levado nun escairo.
Nun peto leva pistola,
no outro leva tabaco,
morreu polo mal da mina,
os gardas nunca o pillaron.
Quen o levan son amigos
cos que tiña moito trato,
como Arturo o Ghalán
e Ramiro do Zarato.
E sacárono da casa,
onde o agochaba este amigo,
pra que non levasen presos
a Manuela e a Ramiro.
Nunha beira dun camiño,
moi preto do Careón,
moi preto de onde nacera,
morto apareceu Ramón.
Ramón Rodríguez Varela,
alcumado Curuxás,
nome do lugar de Palas
onde chegou de rapaz.
E aquí remata a historia
de Ramón Rodríguez Varela,
alcumado Curuxás,
un guerrilleiro con lenda.
Polas xentes das esquerdas
foi querido i admirado;
polas gadoupas franquistas,
perseguido e calumniado.
Nin policía, nin gardas
lle puideron botar man,
Curuxás morreu na cama
de morte moi natural.
Xa poden seguir camiño
con ánimo e salú.
Si lles gustou esta historia,
déinon-la gratitú!
A gratitude das palmas,
coutras millores non hai.
Xa levan cumpridas novas
do valente guerrilleiro
alcumado Curuxás.
Viva Curuxás!
Viva Curuxás!
Viva a República!
Viva a República!
Autor/a da transcrición: e~xenio