Datos biográficos:Xulio Rodríguez Leiras, máis coñecido polo nome de guerra (ou de guerrilleiro) de Xulio do Canelo.
Xulio naceu en San Pedro da Torre, parroquia de Santiago, o 5 de marzo de 1948. E por alí reside, en Pedrido, na parroquia de Vilamor, lugar próximo ao d
... [+]
Datos biográficos:Xulio Rodríguez Leiras, máis coñecido polo nome de guerra (ou de guerrilleiro) de Xulio do Canelo.
Xulio naceu en San Pedro da Torre, parroquia de Santiago, o 5 de marzo de 1948. E por alí reside, en Pedrido, na parroquia de Vilamor, lugar próximo ao de nacemento no concello de Mondoñedo. Xulio é coñecido como Xulio do Canelo, aínda que el procede da familia dos Garabolos, mais, ao casar, pasou residir á casa dos Canelos, a da súa muller, Margarita Bermúdez, e quedoulle apegado o antropónimo. Asistiu á escola de Pedrido (tamén chamada do Reguengo), un edificio construído cos diñeiros remitidos desde Cuba na década dos 20 do pasado século XX pola sociedade “Mondoñedo y su comarca”. Era naquel entón alcalde de Mondoñedo Joaquín Cunqueiro Montenegro, pai de Álvaro Cunqueiro. E como axiña contarei, vai resultar premonitorio que o neno Xulio andara xa desde os anos infantís cercado polo apelido Cunqueiro. O edificio da escola aínda está en pé; ruinoso, pero ergueito. Está a carón da chamada Quinta de Pedrido ou de Coto Redondo, propiedade da familia de Patricio Delgado Luaces, o 'Xan de Masma' autor de A Besta, a primeira novela social escrita en galego, publicada en Cuba a finais do século XIX. Xulio defínese breve e contundente: “Eu nacín, fun, e serei de por vida, labrego”. E orgulloso de selo. Foi o seu oficio principal aínda que, axiña o comprobarán, as súas inquedanzas e curiosidades levárono por moitos outros camiños. Foi alumno do instituto laboral de Mondoñedo. Activista político, sindical e social, e da recuperación de memoria histórica. Foi concelleiro do entón Bloque Nacional Popular Galego tras as primeiras eleccións municipais democráticas entre 1979 e 1983. Membro do Sindicato Labrego Galego e do colectivo Memoria da Mariña, colaborador imprescindible nas homenaxes que se fan, especialmente en Mondoñedo aos mariñáns e mindonienses asasinados entre 1936 e 1939, e ao guerrilleiro Luís Trigo 'O Gardarríos', axustizado en Vilanova de Lourenzá en 1948. Coñece como poucos as andanzas do Gardarríos, ao que cada xuño, coincidindo co aniversario do asasinato de Luís Trigo e da súa compañeira, Antonia Díaz Pérez, se lle rende homenaxe en Vilanova de Lourenzá. Estes e outros represaliados que perderon a vida e sufriron a persecución do fascismo recibiron, grazas ao empeño de Xulio e o doutros compañeiros e compañeiras, xustos e merecidos recordatorios. Lector impenitente. Na súa crianza na casa familiar só había dous libros traídos pola súa nai desde a Arxentina. Un contiña contos populares, entre eles O frautista de Hamelín, e outro as aventuras de Bertoldo, Bertoldino e Cacaseno, historias creadas por Julio César Croce e Adriano Branchieri en 1620, pero que se reeditaron moitas veces e que contaban as aventuras dun campesiño agudo, un fillo pánfilo, unha nai espelida e un neto sensato, contrapoñendo a vida humilde dos labregos á artificiosa dos burgueses e cortesáns. Nese proceso lector fíxose devoto fervoroso do santo laico e republicano, Manuel Leiras Pulpeiro, e grazas á súa madriña, Remedios, sempre soubo que o mariscal Pardo de Cela fora degolado inxustamente. Este labrego de Pedrido foise facendo tamén cunqueirófilo. A primeira vez que escoitou falar de Cunqueiro con algo de fondura foi no Casino de Mondoñedo. Conferenciaban os dramaturgos Manuel Lourenzo e Xesús Pisón sobre O incerto señor don Hamlet e o teatro de Cunqueiro. Ao final do acto recitou unha breve parte da obra o actor Miguel Pernas e Xulio quedou abraiado, impresionado pola voz do actor e as palabras do texto que aínda hoxe, se quixese, podería recitar de pe a pa. Ese impacto emocional deixouno enganchado para o resto da súa vida, ata o punto de que se pode considerar un especialista na obra de Cunqueiro pois Cunqueiro, como Rosalía, son pobo e son do pobo, grazas a xente como Xulio. Pregúntenlle, por exemplo, polo Licho de Vilamor, o que sacaba as moas sen dor, ou polo reloxeiro Veremundo López. El gozará contando tanto coma vós escoitándoo. Xulio foise convertendo en sabio por experiencia e coñecementos, erudito en moitas materias. Coñece os segredos da terra e non lle ten medo ao lobo, aínda que de cando en cando lle roube algunha facenda. Máis alá dos labores da terra, Xulio ten preocupacións sobre todo aquilo que afecta ao seu humano, especialmente se pertence ás clases máis humildes e precisadas de atención. E o que aprendeu por necesidade, ensínao coa xenerosidade natural do que ama a terra na que naceu e a xente que a habita.
[-]