Que é a AELG?

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) é a entidade oficial que reúne máis de 530 escritores e escritoras da literatura galega en todas as súas manifestacións: poesía, narrativa, teatro, ensaio, escrita científica, traducións...
Foi fundada no ano 1980 por algúns/algunhas dos/as escritores/as máis sobranceiros/as da nosa historia literaria e dela foron membros Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Manuel María, Xela Arias e Luisa Villalta, entre outros/as.
A AELG é un dos órganos instituídos pola Academia Sueca con competencia oficial para presentar candidatura aos Premios Nobel. Forma parte do European Writers' Council.
A AELG agrupa autores e autoras residentes tanto en Galiza canto fóra dela, asumindo como único requisito de afiliación a condición de contar cando menos cun libro individual publicado en lingua galega.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega traballa a prol da dignificación do oficio de escritor/a, así como da promoción dos/as autores/as e das súas obras, do fomento da interconexión e intercambio entre eles/as, da interrelación con outros profesionais, quer sexa doutras literaturas ou doutras áreas en xeral, proporcionando foros para o debate das ideas cunha perspectiva monográfica, mais tamén transversal. Desde a AELG tentamos velar polas inquedanzas e intereses dos/as autores e autoras en lingua galega, poñéndoos/as en conexión coa sociedade e reclamando a atención das institucións e medios de comunicación sobre eles/as e as súas necesidades.
A AELG realiza unha serie de encontros anuais que forman parte da súa tradición, como é a homenaxe "O/A Escritor/a na súa Terra", dedicada a sobrancear a traxectoria dun/ha autor ou autora das nosas letras e na cal se planta unha árbore, se erixe unha pedra escultórica e se lle dedica unha rúa ou praza na súa terra natal. Asemade, a AELG outorgou os Premios AELG e forma parte da organización dos Premios Follas Novas do Libro Galego ás mellores obras literarias do ano e organiza congresos, xornadas e actividades varias, colaborando, ademais, en iniciativas afíns organizadas por outras entidades e institucións.
A AELG forma parte, xunto coa Euskal Idazleen Elkartea e a Associació d'Escriptors en Llengua Catalana, do lanzamento do Galeusca, encontros periódicos de escritores e escritoras dos tres espazos literarios organizados de xeito rotativo polas tres asociacións promotoras.

Consello Directivo da AELG

PRESIDENCIA:
VICEPRESIDENCIA:
SECRETARÍA XERAL:
TESOURARÍA:
VOGALÍA DE LUGO:
VOGALÍA DA CORUÑA:
VOGALÍA DE VIGO:
VOGALÍA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA:
VOGALÍA DE PONTEVEDRA:
VOGALÍA DE RELACIÓNS INTERNACIONAIS:
VOGALÍA DE CATALUÑA:
VOGALÍA DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL:
VOGALÍA DE LITERATURA DRAMÁTICA:
VOGALÍA DE NOVOS PROXECTOS: