PALABRAS CON MEMORIA é unha iniciativa da AELG que ten por obxecto recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción. E tamén palabras e expresións que non recollen os dicionarios. A persoa que visita esta sección da web, ademais de consultar o glosario mensualmente actualizado pendurado nela, poderá enriquecelo enviando os vocábulos que teña arrombados no faio da lembranza ao enderezo palabra.con.memoria@aelg.org ou enchendo este formulario. Se algunha palabra enviada non aparece na listaxe é que foi localizada nalgún dicionario.
Propoñemos que durante un tempo, e coa intención de facerlle fronte á globalización e dado que semella posíbel a revitalización e repoboación do noso agro, que entre todos/as recuperásemos o nome dos produtos que nel se daban e quizais se volvan dar. Trátase de, ademais de achegar nomes de castes de froitas, verduras e outros produtos do campo, facer cando se crea necesario unha pequena descrición, resaltar as súas características. Porque as novas xeracións non saben o que é unha saborosa camoesa ou un delicioso peruco e en troques coñecen a encerada "red winter" e a insípida "golden" que lles venden no supermercado. Tamén sería interesante saber particulares tratamentos ou embutidos non comúns da carne do porco ou doutros animais. Fundamental, como no resto das palabras con memoria, é poñer o lugar de escoita.
Dispoñemos dunha unidade didáctica pensada para o alumnado de 3º e 4º da ESO e para o de Bacharelato, orientada fundamentalmente cara ao estudo do léxico e, tamén, cara á compilación de unidades vocabulares. Aínda que hai seccións que non abordan a compoñente lexical da lingua dunha maneira central, como as primeiras partes dos Principios epistemolóxicos, coidouse que tales informacións debían figurar para introduciren o estudo do léxico e para serviren de axuda ao profesorado, que así pode dispor, se o desexar, de máis materiais con que traballar. Pode ver esta unidade didáctica na sección Espazo Didáctico da AELG, aquí.