Federación Galeusca

As Asociacións de Escritores/as en lingua catalá, éuscara e galega crearon o 15 de xuño de 2008 na localidade de Poblet a Federación de Asociacións de Escritores Galeusca.

A constitución desta Federación fíxose coincidir co 25 aniversario dos encontros anuais entre autores dos tres países, encontros cuxa primeira edición tivo lugar en Cataluña e que manteñen vivo o espírito do Manifesto de Poblet, datado no 24 de xuño de 1984, e no que se compendian os fins da Federación: a representación, promoción e defensa dos escritores en lingua catalá, éuscaro e galega, así como a coordinación das accións dos seus membros cara a unha maior eficacia na defensa dos dereitos profesionais en todos os seus aspectos.

Asemade, a Federación céntrase na actuación conxunta fronte a organismos e institucións da administración pública, tanto de ámbito estatal como autonómico e europeo, como aquelas de carácter privado en calquera de ditos ámbitos. O impulso da normalización do feito literario nas súas diversas manifestacións e soportes é outro dos fins da Federación, así como o fomento das relacións con outras Federacións ou Asociacións que representen os intereses de escritores e escritoras, ou aquelas que agrupen as empresas ou axentes que vehiculan a difusión e comunicación da produción literaria en todo os seus xéneros.

Canto as actividades que se propón a Federación, cabe salientar a difusión e promoción das respectivas linguas e da produción literaria realizada a través delas nos distintos xéneros e soportes; o desenvolvemento de programas de investigación e formación e encargo de estudos monográficos sobre temas profesionais; a organización de congresos, seminarios, cursos, exposicións e outras actividades colectivas; a edición de documentos, estudos e traballos de divulgación e a participación en organismos públicos e privados.

Nas seguintes ligazóns pódese acceder ás publicacións e ás actividades realizadas, así como aqueles actos previstos.