25 de marzo de 2006
Con esta terceira edición, a AELG quixo renovar o recoñecemento anual da figura dun escritor ou colectivo que contribuíse, de xeito significativo, a unha maior difusión pública da cultura galega.
Neste 2006 a homenaxe intentou destacar e poñer en valor a actividade desenvolvida polo proxecto ¡Ponte nas Ondas! desde 1995, data na que nace esta iniciativa. Desde entón, máis de medio cento de escolas e IES de Galiza e Portugal teñen participado nesta actividade de (re)encontro das dúas marxes do Miño, xunto coa colaboración, a través de internet e video-conferencias de centros de Francia, Holanda, Finlandia, Brasil, Arxentina ou África. A este proxecto debemos, asemade, unha das iniciativas máis innovadoras e de maior impacto mediático na valorización da cultura galego-portuguesa, a candidatura á UNESCO do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.