Xosé
Vázquez Pintor

SOCIO DE HONRA DA AELG. Letra E 2008 - Melide.

Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946, aínda que a súa infancia e a súa xuventude transcorreron en Agolada. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, exerce na como profesor de Ensino Medio en Pontevedra.

A súa actividade cultural desenvólvese en diferentes ámbitos. Como escritor, cultiva a poesía (Gándaras, Terra e pan, O espertar tamén é noso, Ofidios de diario, Na vertical da noite, No corazón mancado, Rotazón violeta, Banzados), a narrativa (De ida e volta, Lume de biqueira, Quen faga voar, A memoria do boi), o ensaio (de carácter antropolóxico: Os vellos oficios, A tribo sabe) e o teatro (A fraga encantada, A sombra da memoria e Teatro do patacón, aínda inédito). O seu labor literario ten sido recoñecido con numerosos premios: Eduardo Pondal, Cidade de Ourense, Esquío, Uxío Novoneyra, Carvalho Calero, Torrente Ballester, Premio da Crítica Española.

Moi vinculado á escena, funda os grupos teatrais Ancoradouro e Casa da Bola na vila de Cangas, onde reside. Asimesmo, colabora con frecuencia na radio e na prensa (foi membro fundador do semanario A Nosa Terra).

[Febreiro, 2002]

O xornalismo é a súa vocación de sempre: colaboracións en El Ideal Gallego (1969-1671: "Cartafol de cousas nosas"), A Nosa Terra (socio fundador e colaborador en Deportes e Sociedade, 1977-....), Faro de Vigo (Opinión:1985-1988), La Voz de Galicia (Opinión, Cultura e Deportes: 1988-1999), SER-Galicia (Nas Ondas, 1994), Televisión do Morrazo (debate semanal en directo: Ardentía, 1999-2003).

Arestora está no labor da narrativa, coa penúltima novela; e prepara unha revisión antolóxica da súa poesía e artigos xornalísticos.

[Decembro, 2005]