Xosé Luís
Martínez Pereiro

Autobiografía I

Autobiografía II

Narrador, dramaturgo e debuxante humorístico nacido en A Coruña no ano 1959. Sen reparar nas súas andainas musicais co clarinete ou coa gaita en si bemol maior, pode dicirse que o seu polifacético labor criativo abranxe desde o debuxo e relato humorísticos até a seriedade obrigada das pezas dramáticas. As revistas Can Sen Dono, XO! A voz que para as bestas, O Farelo, os periódicos A Peneira, A Nosa Terra e varias antoloxías de humor gráfico (Os humoristas e a reconversión, Humor galego ao 88, Antoloxía Internacional de Humor Antirracista con multiedición nas linguas da Comunidade Europea), así como o boletín Sapoconcho editado polo Museo do Humor do concello de Fene e a súa inclusión na embaixada que representou ao humorismo gráfico galego na VIII Bienal Internacional do Humor celebrada nas cidades de La Habana e San Antonio de los Baños en 1993, acreditan este estremo.

Da man dos premios e das recomendacións dos xuris chega ao mundo das publicacións literarias: Tres crimes en busca dunhas labazadas (1985, Cadernos da Escola Dramática Galega, peza incluída na antoloxía Teatro nas aulas de Ed. Vía Láctea); Un día na vida de Vladimiro e o seu can Trotsky (1987, teatro infantil feito en colaboración co seu irmán Carlos Paulo e publicado pola Ed. Sotelo Blanco, Biblioteca do Arlequín, nº 1); Traxicomedia do Pai Ternoster e unha pastora lusitana chamada Viriata (1989, IX Premio de teatro breve da Escola Dramática Galega); Monólogo con oito pausas e un falso espectador (1990, Cadernos da E.D.G.), Panexírico da lapa (2000, Revista Casahamlet, nº 2, Deputación Provincial de A Coruña), Guiso de choupa (2001, Cadernos de Teatro, nº 3, IGAEM) e Carne de estatua (2001, Baía Ed.).

Poemas seus foron merecedores do I Premio de Poesía Manuel Murguía (Universidade de A Coruña), do Premio "Has de Cantar" da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Bizkaia e do Domingo Antonio de Andrade, concedido pola Agrupación Cultural do mesmo nome en Cee. Canto á narración, aparecen relatos seus no Semanario A Nosa Terra e nas revistas Escrita e Agália até que en 1992 sae do prelo o seu primeiro libro de narracións: Amálgama de Desquiciados (Baía, Ed.). Premiado e publicado no I e II Premio A Peneira de relatos curtos de humor (Egasur, S.L. 1993 e 1999), tamén é laureado no XXI Certame "Antonio Machado" (onde compiten todas as linguas do Estado) e eis que, segundo palabras do propio xuri presidido por Camilo José Cela, o seu: "É un conto cheo de intención e gracia literaria".

En 1999 publica dous libros de relatos: As irmás bastardas da ciencia (antoloxía de sedes clandestinas), distinguido co VIII Premio de narración Carvalho Calero (Concello de Ferrol, Ed. Laiovento) e Breviario de calamidades (Espiral Maior). No ano 2000, esta última editorial publica a súa Medición definitiva do limbo (II Premio Cidade da Coruña de literatura fantástica) e uns chistes seus convencen ao xuri internacional dos Premios Castelao de Humor Gráfico Galego (Concello de Pontevedra).

No ano 2001 participa no Salão Luso-Galaico de Caricatura celebrado en Vila Real e, co conto Palamades e a Besta Ladradora, consegue o X Premio de Narracións Breves Manuel Murguía (Concello de Arteixo).

Ir ao comezo

Aínda que poda parecer mentira (sobre todo se pensamos en alguén que estaría máis que encantado da vida se poidese vivir do conto), non me prace falar da miña persoa nen do recoñecemento que, ben sexa en forma honorífica ou pecuniaria, fun apañando ao longo do tempo e tamén da xeografía deste país de premios nunca unánimes. Na lapela dos meus libros, a carón da fotografía, xa figuran os datos biográficos salientábeis do ponto de vista literario, se cadra sería máis interesante dicir algo que ninguén diría de min, algo que me permita aclarar a clase de Luís que son.

Empezarei recordando que hai luíses que nacen numerados, como Luís XI quen (de acreditar nas palabras do seu médico Coictier e porque este se puxo cacholán como un neno bravo (só se bañou unha vez. Tampouco Luís XIV era un modelo de limpeza pois só se aseaba cando estaba namorado (o resto dos días contentábase con fregar o rosto cun pano mollado en perfume). No aspecto da hixiene supero ás monarquías e mesmo venzo á hora de manter a cabeza unida ao corpo, Luís XVI non pode dicir o mesmo nen tampouco se enterou de que outro Luís, o carniceiro Luís Legendre, propuxera sen éxito á Convención (logo de decapitalo talvez influído polo oficio cárnico e de corte limpo (que se cortase o monarca en 82 anacos e enviar un a cada departamento.

Hai luíses inventores como Luís Roselius (que en 1905 fixo posíbel o café descafeinado) ou o polaco Luís Zamenhof, inventor das dezaseis regras gramaticais e das vinteoito letras que configuran o esperanto. Pouco teño que ver con eles, gosto do café de verdade e para lingua universal xa conto coa miña.

Tamén hai personalidades pintorescas e complexas co meu nome, Luís Tristán e Louis Aragon entrarían neste apartado, o primeiro por axudar ao Greco a estilizar as súas figuras desde o anonimato e o surrealista por inventar o tempo embutido que se corta en lonchas. Por haber, até hai luíses santificados e con prole numerosísima. ¿Podo presumir da miña filla sabendo que houbo un san Luís que tivo cen mil fillos?

E da nómina interminábel de luíses que me precederon, só engadir ao antropólogo Luís Castrofeito, máis que nada por defender con teimosía a denominación de orixe para o meigallo mariñán e por descubrir que Australia é o único lugar do mundo sen a superstición do mal de ollo, e como estamos a falar de ollos, incluirei a Luís I de Nevers, conde de Flandes a principios do XIV, inspirándose no canto harmonioso de Melesíxenes, que era cego, mandou sacar os ollos aos paxaros dos seus dominios belgas para que se centrasen exclusivamente no canto e así, sen distraccións visuais, melloralo.

Xa para concluír, dicir que a miña aportación á humanidade é desde logo menos cruel e máis modesta, son consciente de que fago literatura menchevique, isto é, minoritaria e que, para ben ou para mal, é probábel que iso non cambie.

Ir ao comezo

[Febreiro, 2002]