Xosé
Ballesteros Rei

Vigo, 1956. Editor, escritor, tradutor e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil. Estudou Filosofía na UNED. Tamén investigou sobre a historia e a estrutura dos contos clásicos europeos a partir das teorías de Vladimir Propp e das achegas de Italo Calvino, a partir das que adaptou diversos contos tradicionais.

É co-fundador e director xeral de Kalandraka Editora, que recibiu o Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012. Dirixe Faktoría K de Libros, que publicou en galego títulos como Pastoral americana (Philip Roth, Premio Príncipe de Asturias das Letras 2012), 1984 (George Orwell), Indignádevos (Stéphane Hessel), O neno do pixama a raias (John Boyne) e Os ángulos da brasa (Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía 2013). Neste selo editorial traduciu Fernando Pessoa: selección poética (3º Premio Nacional aos Libros Mellor Editados 2015). Tamén dirixe o selo Cuatro Lunas.

É autor de obras como Talego (Premio Manuel García Barros de Novela 1993, Xerais) e Viaxe á morada dos deuses: desafío 8000 (1999). Entre as súas obras para público infantil figuran a serie Os Gordibolas (Xerais), Imaxina Animais, O coelliño branco (Premio Nacional de Ilustración 1999, Premio Libro per l'Ambiente 2010 en Italia) e adaptacións doutros contos clásicos, editados por Kalandraka.

Outra das súas facetas é a animación á lectura: dirixe talleres de escrita creativa e sesións de narración oral para nenos, así como cursos e actividades de formación para educadores. Comparte a súa experiencia sobre internacionalización en conferencias e xornadas profesionais. Ten participado como xurado nos Premios Princesa de Asturias das Letras.

Foi tamén presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE).

[Abril, 2023]