Tucho Calvo (José Benito Calvo Rego, La Guaira-Venezuela, 1954). Fillo de pais emigrantes, chega a Galicia polo porto de Vigo na viaxe do trasatlántico Santa María que seguíu ó seu secuestro por Galbao e o comandante Sotomayor, para pasa-la súa infancia en Loiba-Ortigueira. Cursa estudios que non remata de Filosofía e Letras en Santiago e de Periodismo en Madrid, simultaneando xa estes co traballo en diversos medios. Xornalista vencellado a La Voz de Galicia dende 1976, onde hoxe é Redactor Xefe de Accións Especiais, comezou no mundo da prensa en El Correo Gallego, do que sería despedido tras esixir da dirección que se informase obxectivamente do conflicto planteado cando o alcalde compostelano e asesor xurídico da empresa editora, Antonio Castro, afirmou que Castelao non merecía nin unha conferencia e suscitou a reacción dos intelectuais galegos encabezados por Otero Pedrayo. Colaboraría posteriormente en La Región, Arriba, Opinión, Ciudadano, Radio Francia Internacional e El Pais. A mediados dos 80, dirixiu durante unha breve etapa o diario La Crónica de León.
Como escritor deuse a coñecer con Froito das lembranzas (Edicións do Cerne, 1981), que acadou o Premio Galicia, daquela o de maior dotación económica no país, en xullo de 1980. A súa segunda novela foi PAE-Século XXI. No comenzo dunha nova historia da humanidade (Edicións do Cerne, 1982).
Dende que en 1977 recibiu o terceiro premio no concurso de contos infantís de O Facho, merece o recoñecemento de certames como o Modesto R. Figueiredo (1980 e 1981) e O Meco (1983). Relatos seus publícanse en Man Común (1981), La Pluma (1981) e Sapoconcho (1995). A maioría deles agrúpanse en Astra o confín (Ediciós do Castro, 1983), que ilustrou Xaime Quessada.
No 1988, Ediciones Júcar encárgalle un texto para a súa colección "S.O.S. tu libro juego de aventuras" que se titularía El laberinto de Krochne. O seu traballo literario deixou de ter unha proxección exterior deica Telúrico (Espiral Maior, 1997).
Publica na Biblioteca Gallega O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade (1977) e encárgase no xornal da edición de Murguía e La Voz de Galicia (2000), do que se fixo unha tirada sen precedentes en Galicia -150.000 exemplares- para regalar co periódico o Día das Letras Galegas. Con él ábrese unha colección que inclúe títulos sobre Eladio Rodríguez, Cunqueiro e Curros.
A finais do 1998 firmou a biografía Valentín Paz-Andrade, a memoria do século (O Castro). Participou previamente en traballos colectivos de homenaxe a Blanco Amor e Laxeiro.
Luz de abrente (Galaxia, 1999) aparece nun ano no que tamén participa no libro de relatos colectivo Deixade pois que voe o Paporroibo, que nos conte contos.
A partir de agosto de 2000 coordina en La Voz de Galicia unha experiencia de enorme éxito, as "Páxinas literarias", na que participan ese ano máis de setecentos lectores cos seus relatos, 31 autores consagrados e na que se publica por capítulos a súa novela O xabaril branco con ilustracións de Miguelanxo Prado. Esta, difundida tamén a través da páxina web do periódico, convértese na primeira novela en galego que se puido baixar da rede en formato PDF. A súa aparición en libro fíxose da man da editorial Ir Indo, e posteriormente formando parte da Biblioteca Galega 120 de La Voz, unha colección que dirixe no ano 2002 e que acada unha popularidade sen precedentes.
En maio do 2002 coordina o relanzamento da revista de banda deseñada Golfiño con La Voz de Galicia. A súa aparición semanal captou de partida a máis de dez mil lectores.
Ir indo publicoulle o relato infantil A castaña que chegou a árbore, con ilustracións de Pitón, e Kalandraka editou Gatipedro, un libro que ilustrou Antonio Caíña e que inclúe un cd cunha peza do compositor Javier Santacreu interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, con Santiago Fernández como narrador.
Corazón entre desertos (Ir Indo), a súa obra máis recente, é un libro de relatos que recolle a súa producción neste eido dos últimos quince anos, desque aparecera Astra o confín.
[Xuño, 2002]