Paulo González Ogando estudou secundaria no IES Torrente Ballester de Pontevedra e licenciouse en Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela.
Traballou de programador informático en Madrid e despois foi docente de matemáticas no ensino secundario en Ordes, Hervás, Puebla de Sanabria, Medina de Pomar e finalmente en Bueu.
No seu blog compaseregra.blogspot.com leva compartidas máis de duascentas construcións dinámicas elaboradas seguindo as normas clásicas da xeometría con regra e compás. Tamén elaborou múltiples actividades didácticas con Geogebra, e ten publicado algúns artigos sobre didáctica das matemáticas en revistas especializadas.
En 2022 publicou Bocados matemáticos (Xerais), un libro de divulgación no que "pretende romper prexuízos, facer pensar e acercar as matemáticas en pequenos bocados", "facer que a xente vexa as matemáticas con outra mirada, que perda os medos e bloqueos e que lles dean outra oportunidade" e contribuír á divulgación científica en galego.
Por outro lado, en castelán ten publicado Matemáticas y deporte (Los Libros de la Catarata), no que se relacionan estes dous mundos dende unha ollada a medio camiño entre a didáctica e a divulgación.
[Outubro, 2023]