Fillo, neto e bisneto de emigrantes, Isaac Xubín (A Coruña, 1978) colleu como apelido literario o topónimo da aldea de Santa María de Oleiros onde naceu a nai e na que pasou os veráns dunha infancia caracterizada polo desprazamento a través de varias localidades do noroeste da península: Espinosa de los Monteros, Astorga, Xixón, A Coruña e Pontevedra.
É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, onde tamén cursou o mestrado interuniversitario en Política lingüística e planificación da lingua galega.
Como narrador publicou obras de relato curto: Château Bobcat e Le pied de Julien DuPuy (ambos os dous primeiro premio do certame Os Viadutos de Redondela); e de novela: Non hai outro camiño, Xerais (Premio da Crítica).
Como poeta ten publicado as coleccións Con gume de folla húmida (XXIV edición do Lorenzo Baleirón), A cadencia da fractura (V edición do Lueiro Rey) e Xenealoxía dun intruso.
Como tradutor, profesor e investigador elaborou un dicionario bilingüe galego-éuscaro e foi lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de Irlanda (University College Cork). Publicou traducións entre as que destacan Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia; A boca pobre, de Flann O’Brien; e Físico, de Andrew McMillan.
A vida de Isaac Xubín, en palabras da profesora e investigadora Ana Acuña, está marcada pola extraterritorialidade, polas viaxes e os estudos que lle ofreceron novas linguas e novos labores como tradutor, profesor e investigador. Xa que logo, a súa é unha escrita abocada á reflexión metapoética trala conciencia do retorno imposible e da disolución de fronteiras idiomáticas e culturais. Estes encontros con diferentes realidades lingüísticas e espaciais plásmanse, de forma poética ou narrativa e nunha obra plástica que, dende as ilustracións dos seus volumes, apunta a un novo pé do macrotexto que caracteriza a súa obra.
[Maio, 2024]