Henrique
Rabuñal

Pastoriza, Arteixo, 1962. Escritor e profesor. Publicou numerosos libros individuais e participou en 70 obras colectivas, sendo autor de máis de 300 escritos, 50 de asunto teatral. Graduouse en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura A xeración escolar. Notas para a historia do teatro galego (1989) e doutorouse coa tese Textos e contextos do teatro galego (1994). É tamén Diplomado en Lingua Portuguesa pola Universidade de Coimbra. Fundou os colectivos galeguistas A Nova Mocidade e Xiada e foi membro do grupo de sociolingüística Iruinean Sortua liderado por Lluis V. Aracil. Profesor de lingua e literatura galegas (1986), participa en congresos e encontros da súa especialidade, ofrece recitais poéticos e dicta conferencias en diversas universidades e centros culturais de España, Europa e América. Traballos seus poden lerse nas Actas do I, II, III, IV e V Congresos da Lingua Galego-Portuguesa, nas Actas do I e II Congreso de Literaturas Lusófonas ou nos volumes O fenomeno literario nos países lusófonos, Homenagem ao professor Carvalho Calero e Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero. Co prof. Gil Hernández estudiou en 1989 O conceito de 'diglossia', segundo Ch. A. Ferguson. Como membro da AGAL (1983-2001) colaborou nas publicacións da súa Comisión Lingüística Prontuário ortográfico galego (1985), Guia prático de verbos galegos conjugados (1989) e Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1989). Foi redactor da revista Agália onde publicou (1985-2001) máis de trinta traballos sobre Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro, Avilés, Carvalho Calero, Blanco Amor, Guerra da Cal, Dieste, Ánxel Casal, Manuel María ou Baixeras.

Na actualidade é coordinador do Certame de Narracións Breves "Manuel Murguía" responsabilizándose da edición dos libros Relatos (1995), Airadas de palabras (1998), Tecendo panos (2000), Paisaxes con palabras (2001) e De soños e memorias (2003) onde se recollen relatos dos autores galardoados. Unha parte do seu traballo investigador está consagrado á figura de Manuel Murguía a quen dedicou os libros Manuel Murguia (1999), Manuel Martínez Murguía (1999), Manuel Murguía e Arteixo (2000) e unha edición de La primera luz (2000) colaborando nos volumes Volver a Murguía (1998), Manuel Murguía. Instantes dunha vida (2000), Congreso sobre Manuel Murguía (2001) e Diálogos na Casa de Rosalía (2002). En 1999 traballa na curtametraxe de animación Ignotus (Premio AGAPI 2001) dirixido por Tomás Conde e Virxinia Curiá e baseado no relato homónimo de M. Murguía. Como ensaísta e investigador publicou tamén unha edición de O marinheiro de Fernando Pessoa (1985), outra do Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1989) e os libros Textos e contextos do teatro galego (1671-1936) (1994), Rafael Dieste: a franqueza e o mistério (1995), A Coruña na historia (1999), Jenaro Marinhas del Valle, a vida escura (2000) e O Padre Sarmiento. Arquivo da lingua e cronista da patria (2002). En 1991 publica o ensaio Alexandre Bóveda: bandeira da nosa redención. En 1992 participou na edición para bibliófilos do Alba de Groria de Castelao con gravados de Manuel Facal. En 1993 publica con X. M. Fernández Costas tres libros: Luz Pozo Garza. Códice calixtino, X .L. Méndez Ferrín. Con pólvora e magnolias e Carlos Casares. Ilustrísima. Outra parte decisiva do seu labor investigador está consagrada ao teatro galego: Feixóo de Araúxo, Francisco de la Iglesia, Galo Salinas, Lugrís Freire, o teatro na época das Irmandades, Leandro Carré, Blanco Amor, Carvalho Calero, Luís Seoane ou Marinhas del Valle. No campo audiovisual é autor dos guións dos videos Renova Arteixo. Renova Galiza (1991), O Certame 'Manuel Murguía'. Dez anos de cultura e palabras en Arteixo (2002) e A Luz de Carlos (2002), este en homenaxe a Carlos Casares .

No colectivo poético "A illa quente de nengures" comeza a súa andaina literaria que inclúe tres poemarios: Paixom e morte dum condenado (1984), Poemas da luz e da locura (1992) e O tempo demorado nos marmelos (2000). A súa poesía pode lerse nos volumes dedicados á poesía galega polas revistas Mealibra e Anto así como nas antoloxías Ao mar de adentro, Homenaxe a Eduardo Blanco Amor (1998), Negra sombra, Matria da palabra de R. da Rocha, A poesía contemporánea a partir de 1975 de M. Mato, Río de son e vento de C. Morán, 25 anos de poesía galega de L. Rodríguez, Botella ao mar ou Homenaxe poética ao trobador Xohán de Requeixo.

Como dramaturgo é autor de A noite das noites, (1985, Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega, estreada en 1988), Oratio mare/O cántico de Orfeu (1988), Cousas de Itaca (1988), Desesperados (1990), Diálogo da Furoca entre Afonso Eanes do Cotom e Pero da Ponte (1991), Maternidade (1992), Louvor de Pero Meogo (Monólogo do cervo Agostiño) (1992), Do goberno bipartito á autovía funeral (estreada en 1992), Xuízo a Curros (1993), Amlet, voz e verbo (1999), Mumias no país de Luzetro (2000), Monólogo do fillo triste (2002) e O vento da morte (2004). Colaborou tamén no volume Monólogos II.

Como narrador publicou en 1985 o relato Abril e o Epistolário em catro tempos ós que seguiron As Weissleiver (1987), Carta do clérigo Chucho Malfado a Maria Peres, a Balteira (1991), A fariña das horas (1998), Telegrama con vida incorporada (1999) ou Susana Mourelle Trotín (2001). A súa obra narrativa pode lerse nos volumes colectivos Fogo cruzado, Muralla de Crescórnio, Novo do trinque, Alma de beiramar ou Sempre mar.

Henrique Rabuñal foi galardoado no Concurso Literario de Culleredo, no Breogán de Contos, no Galaico-Leonés de Narrativa, no de poesía Meigas e Trasgos, no de Teatro Breve da Escola Dramática Galega, no de Contos Infantís O Facho, no de Poesía D. A. de Andrade, no I Certame Maio Literario, co premio Arteixán do ano 1994 ou co premio Carballo Calero de Investigación Lingüístico-Literaria.

Foi Director do programa de radio Quinta-Feira. Na actualidade é colaborador de Radio Coruña e ten moita obra publicada en numerosos xornais e revistas como El Ideal Gallego (entre 1985 e 1987 leva a sección "Palabras" no suplemento Cataventos), Cadernos da Escola Dramática Galega, La Voz de Galicia, O Ensino, A Nosa Terra, Cadernos do Povo, El Correo Gallego, Nós, Agália, Luzes de Galiza, Casahamlet, Boletín Informativo Municipal de Arteixo, El Mundo, Çopyright, Enclave, O Correo Galego, Bravú, Raigame, A Rua, Nova Renascença, Cadernos de Teatro, Bolboreta, Revista Galega de Teatro, La Opinión, Guía dos Libros Novos así como no servidor de internet e no teletexto da CRTVG.

[Xaneiro, 2004]