Helena
Villar

SOCIA DE HONRA DA AELG. Letra E 2016 - Rianxo

Nacín en Becerreá (Lugo) o 28 de setembro de 1940. Abandonei a escola aos 6 anos para regresar, a petición propia, aos 13, iniciando por libre os estudos de bacharelato, simultaneados co traballo na xastrería de meus pais. A falta de escolarización foi suplida pola influencia dunha familia amante da cultura, inda que con escasas posibilidades económicas. Este ambiente, e o contacto coas lecturas e a oralidade da paisanía, fundamentan o meu gusto literario só superado pola música, porque meu pai era acordeonista e barítono, e cantabamos mentres se cosía. Alí non puiden prepararme para a verdadeira vocación. Cando tiña 28 anos, cantei algo de Perosi nunha misa privada do Cardeal Darriba Castro na igrexa de Penamaior. Un mecenas que o acompañaba ofreceuse a pagarme os estudos, pero a miña vida xa estaba encamiñada doutro xeito. Aínda así, esta paixón quedou acesa para sempre.

Cursara xa Maxisterio en Lugo. Iniciara a carreira docente, en 1960 como interina e en 1962 como propietaria, en aldeas da contorna dos Ancares: Vilaver (Cervantes), e Quintá de Cancelada e Armesto (Becerreá). Cursaba xa por libre a carreira de Filosofía e Letras (Pedagoxía) nas Universidades de Santiago e Complutense, curso por curso, con permisos por asuntos propios de tres meses -cese de destino temporal, para asistir ás clases como oínte-. Na estadía de 4º curso vivín o “Maio do 68”, experiencia importante para o meu desenvolvemento. Fixen tamén os exames de Francés na Escola de Idiomas de Madrid e, xa co meu 600D, compaxinei o traballo na escola con clases de castelán e francés para bacharelato na academia na que eu estudara. Simultaneaba tamén o traballo coa poesía, a guitarra, o debuxo, a pintura e o modelado. Hoxe non sabería dicir de onde sacaba o tempo. En 1972 publiquei o primeiro poemario, Alalás, único escrito en castelán. A partir desta publicación, aprendín a escribir a lingua que falaba. En 1974 opositei á Inspección Técnica de Educación, pero non obtiven praza, inda que cheguei ao final. Esta preparación daralle dimensións novas á miña profesión.

En 1975 casei co escritor Xesús Rábade Paredes, o feito máis transcendental da miña vida. Abeirada pola “Lei Villar Palasí, este curso 1975-76, en Ferrol, empecei a impartir clases de lingua galega para o alumnado en horario extraescolar. Do matrimonio naceron María do Cebreiro (1976) e Xesús Abelardo (1977) e eu trasladeime a Compostela onde me xubilei de profesora de Lingua Galega e Literatura no IES. Xelmírez I (2001). Actualmente vivo en Abuín (unha aldea de Rianxo) e frecuento a Capital de Galicia.

O nacemento dos fillos centroume na creación literaria e levoume ás cancións e á literatura para a infancia, en colaboración con Xesús, con quen xa viña xa escribindo. Foron anos de fecundo labor literario, mais de dura experiencia para quen soportaba o menosprezo da “parte” que podía corresponderlle ao meu traballo, por ser eu menos coñecida. Por decisión de ambos, desde 1985 volvemos publicar en solitario con colaboracións puntuais, pois traballar xuntos é moi grato labor para nós.

A miña vida tivo dúas dedicacións públicas: o Ensino -da lingua galega desde o curso 1979-1980-, e o cultivo da Literatura. Unha preparación plural como educadora levoume a desempeñar responsabilidades fóra da aula, contribuíndo á formación do profesorado, elaborando libros de texto, publicando artigos en revistas especializadas e formando parte de seminarios permanentes e outro tipo de equipos de traballo, tanto durante as transferencias educativas á Autonomía como no deseño da Reforma Educativa de Galicia e na Coordinación Docente de Lingua Galega, mentres durou. O noso libro Os símbolos de Galicia. A bandeira, o escudo e o himno recibiu o premio "Patronato Rosalía de Castro" para mestres e pedagogos de Galicia (1979).

Activista da cultura e consciente da problemática da lingua, animei en 1985 a creación de APADEL (Asociación de Pais en Defensa da Lingua), da que fun vicepresidenta, e que acabou como tantos proxectos esperanzadores do país. Tamén estiven na fundación do PEN Clube de Galicia e na de Gálix. Desde 2005 a 2012 presidín a Fundación Rosalía de Castro e fun membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, colaborando na elaboración de dous traballos: o ditame sobre as “Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo” e o “Borrador e memoria xustificativa da proposta de Lei do Panteón de Galicia”.

Os premios producíronme moita alegría, pero souben relativizalos. E as distincións que recibo, xa no III Acto da vida, agradézoas como mereceren para brindárllelas ás persoas que tiven e teño na familia; a quen me transmitiu a lingua en tempos de deserción; a quen ma ensinou con sabedoría popular, literaria ou académica, e a tantas persoas que influíron na miña vida coa súa xenerosidade silenciosa.

Hoxe práceme gozar da Natureza, na que recollo cogomelos e da que obteño fotografías que levo ao proxecto literario “Tirar do fío”. Teño tamén un proxecto pedagóxico de ensino da lingua, “Galego na Rede”. Continúo coa miña columna semanal en El Correo gallego, iniciada en 1992, e colaboro en varias revistas de poesía e en publicacións colectivas. Na cabeza andan libros que levo con calma. Aprendín a vivir sen contar o tempo e déixoos ir evolucionando segundo eles me indican que debo camiñar. As redes sociais son un escenario que transito con gusto e forman parte da configuración dese proxecto. Nelas aprendín moito sobre a relación que se establece entre quen escribe e quen le, a necesidade de deseñar novas maneiras de facer literatura para novos medios de difusión e sobre as posibilidades de democratizar a cultura.

[Abril, 2016]