Estevo
Creus

Estevo Creus (Cee, 1971), foi membro fundador da editorial de poesía Letras de Cal, "non ou edicións", do grupo de teatro Talía, e do Batallón literario da Costa da Morte. Como poeta ten publicados os seguintes libros: Poemas da Cidade Oculta, Edicións Xerais de Galicia (1996), Areados, Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña. Deputación de A Coruña (1996), Teoría do Lugar, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón (1998), Edicións do Castro (1999), O Libro dos Cans, Versión en disquet de Retagarda Edicións (2000), Decrúa, premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, Edicións Espiral Mayor, (2003), Facer Merzbau non ou posible?, libro poético e de videocreación xunto a David Creus. A súa obra poética ven recollida en antoloxías como A tribu das Baleas, Edicións Xerais de Galicia, Defecto 2000 de Letras de Cal, Enfocarte revista virtual, etc. Participou na obra colectiva entre poetas e arquitectos a casa, da Consellería de Vivenda e Solo e ten realizado artigos e colaboracións en revistas como O Monografías, Grial (nº 77), Dorna, etc. Tamén ten publicados os relatos: "E a catro patas quilómetros", Premios Pedrón de Ouro, Edicións do Castro (1994), "Alguen Matou a Bambi", recollido en Historia da Pusilaminidade e catro contos máis, Casa da Xuventude de Ourense (1996).

Co grupo "non ou" participa en videocreacións e performances como "máquina ou proceso" xunto a Ariel Ninas, Benxamín Otero e David Creus, "2 homes sobre o muro", intervención no CGAC para a presentación do disco do grupo "Eclepetica Ensemble", etc. O seu gosto pola música, ultimamente lévao a compoñer temas para espectáculos de danza e teatro como "nin un milímetro para apoiar a fronte" de Begoña Cuquejo, "En Construcción" de Paulina Funes e Murmurios, "Cos Pes na Terra e só cos Pes" do grupo de teatro "D2" e coreografía de Begoña Cuquejo entre outros.

No ámbito das artes plásticas destaca o seu poemario experimental O libro dos cans (versión en disquete e papel) onde se mistura a poesía coa pintura e a construcción de máquinas, así como a súa participación no proxecto de poesía visual Translítera.