Pode descargarse o cartaz en formato .pdf aquí.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.
Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Para a edición de 2019 Ana Romaní foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que foi lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que tivo lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto foi tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumaron ás propostas que a entidade remitiu a concellos, asociacións, centros de ensino.
*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.
*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento
*Manifesta o poema
o espolio dunha perenne miseria,
as violacións a roupa de cote puñéronma en tiras,
a inxustiza social sin abrigo tembra,
os desafiuzamentos embargaránnos todo,
o abuso laboral que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno
os éxodos en errantes hordas.
Do XIX ao XXI
*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. A miña infeliz patria tan desventurada
*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais
raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero
vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño
Dun golpe!
– Manifesta acción o poema –
*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes.
*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan.
*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen –
*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.
Do XIX ao XXI
*Escrito en medio de todos-los desterros. – Manifesta que sabe que non a escoitan –
*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran.
*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra.
*Indóciles nos camiños desertos eses versos.
*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto.
*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei
Ana Romaní
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#LibreOMeuPensamento_rdc_19
O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.
Nesta ligazón poden descargarse tamén as indicacións sobre a procedencia dos versos rosalianos utilizados no Manifesto.
Acto central
O 24 de febreiro. ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago, vai ter lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre.
O domingo 24 de febreiro, ás 12:00 horas, tivo lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre. Este foi o programa:
- Coral da Asociación cultural e musical Solfa
A Rosalía Letra: Manuel Curros Enríquez
Música: J. Alfredo Oliveira
- Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Cantiga do meu muíño Letra: Fiz Vergara Vilariño
Música: Baldomero Iglesias, arranxos F. Tobar
- Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias
- Lectura do Manifesto da AELG
- Lectura de poemas rosalianos
Amelia García Hervella
Carlos Jiménez
Luz Méndez
Marga Pazos
Ana Pérez
Belén Regueira
Eva Sandino
Pilar Leiva
Aldara Lueiro Oliveira e Mencia Iglesias Otero, e Xerardo Rodríguez e Paco Susavila
Lucía Veciño
- Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Has de cantar Letra: Rosalía de Castro
Música: Antonio B. Celada Alonso
- Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Na beira do mar Letra: Rosalía de Castro
Música: Antonio B. Celada Alonso
- Ofrenda floral
- Interpretación do himno
Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organizou lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
En todos estes actos leuse o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora Ana Romaní.
A Coruña
A AELG e a A. C. Alexandre Bóveda realizaron unha lectura pública da obra de Rosalía, o domingo 24 de febreiro, ás 18:00 horas, diante do teatro que leva o seu nome, na rúa Rego de Auga, o Teatro Rosalía de Castro.
Lugo
Cospeito
Ao redor do mediodía do 24 de febreiro de 2019, no Museo das Aves de Cospeito, e organizado por Culturalia GZ e polo Concello de Cospeito e coa colaboración da AELG, tivo lugar un recital poético para conmemorar o Día de Rosalía de Castro 2019. Baixo a presentación do escritor Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ, decenas de persoas, entre poetas participantes e público asistente, congregáronse na Sala de Exposicións do Museo das Aves de Cospeito co gallo de celebrar o 182º aniversario de nacemento da grande poeta Rosalía de Castro. Poetas achegados de distintos lugares (Ana Mar Fraga Rábade, Branca Villar, Adolfina Mesa, Iria López, Luz Airado Bello, Valentín Sanjurjo, Emilia Martínez Fuentes, José Carlos Ulloa García, Pilar Maseda) mesturaron as súas voces coas de estudantes do colexio de Cospeito (algúns dos cales recitaron acompañados das súas nais poemas propios ou da autora homenaxeada), e coas doutras persoas que quixeron pousar a súa voz nos versos rosalianos, creándose unha fonda atmósfera emocional. Ao remate de cada un dos recitados, as persoas participantes recibían de parte do Concello o agasallo dun diploma acreditativo da súa participación no evento poético, así coma un folleto, con marcapáxinas incluído, obsequiado pola AELG e que contiña o Manifesto feito nesta edición de 2019 pola escritora Ana Romaní. Lembrar que tanto o diploma de participación coma o cartel difusor do evento foron realizados pola artista Adolfina Mesa, tomando como referencia unha imaxe de Rosalía de Castro tratada dixitalmente. Deu conclusión ao acto houbo un pequeno ágape, xentileza do Concello de Cospeito, para participantes e asistentes a este Día de Rosalía de Castro 2019 na Vila de Valverde.
Vigo
O 24 de febreiro, ás 18:00 horas, tivo lugar unha ofrenda floral na imprenta Juan Compañel (Rúa Real, 12), e posteriormente terá lugar unha ruada até o local da Federación de AA. VV. Eduardo Chao (Praza da Princesa, 7, 2º). Este acto está coorganizado pola AELG e a Asociación Cultural O Castro.
Arteixo
Os 19 e 22 de febreiro, ás 11:00 horas, na Biblioteca Central de Arteixo "Henrique Rabuñal", Ana Hermida (Lisístrata Asociación) achegou a figura de Rosalía ao alumnado do IES Manuel Murguía con "Tecín soia a miña tea", cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía.
Este ano celébrase a quinta edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Houbo 12 nenas e nenos que recitarán a súa propia obra, de entre 8 e 12 anos, que levarán un agasallo pola súa partipación, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibiu o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG e tamén fará unha dramatización da obra á Rosalía de Castro, mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.
A cita con Rosalía e coa poesía foi o sábado 23, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h.
Bertamiráns, Ames
Betanzos
Desde o Concello de Betanzos, como en anos anteriores, sumáronse á celebración do Día de Rosalía cunha programación ao longo de todo o mes de febreiro que tivo como acto central unha gala o 22 de febreiro.
Boiro
Durante o acto de presentación do libro Xeración perdida. Representatividade institucional e represión. As corporacións municipais da provincia da Coruña na II República, nun acto que tivo lugar o venres 22 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social do concello de Boiro (R/ Principal, 77 - Boiro), houbo unha lectura de poemas da Rosalía de Castro, aberta á participación do público.
Cervo
O 24 de febreiro, ás 12:00 horas, a A. C. R. Fervenza de Sargadelos organizou un acto de presentación de varias obras de Antía Yáñez, no que se sumou á lectura do Manifesto da AELG.
A Estrada
O 22 de febreiro, no Teatro Principal, tivo lugar a homenaxe a Rosalía de Castro mediante un recital de poesía e a posterior proxección do vídeoclip Estás en min. O Club de Lectura da Estrada e diversos clubs deportivos, entre os que se contan a Escola de fútbol, o Club de natación e salvamento, o Club ciclista estradense, Diverpatín, o RC Tenis e o EDM Baloncesto, foron os encargados de recitar os poemas nos primeiros compases da gala. Seguidamente proxectouse o videoclip Estás en min, gravado coa colaboración de boa parte dos músicos e bandas estradenses nun evento que evoca unha declaración de amor ao legado literario e vital da poeta que se resume no título elixido para a peza.
Fisterra
Fundación Rosalía
Así foron as actividades organizadas pola Fundación Rosalía do 21 ao 24 de febreiro, alén das convocatorias globais da Alborada de Rosalía e o Caldo de Gloria:
21 de febreiro
11.00. Casa-Museo: plantación do Carballo de Gernika na horta da Casa. Nela participará a Presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui.
20.00. Auditorio de Rois: presentación do número tres de Follas novas. Revista de Estudos Rosalianos.
22 de febreiro
12.00 Concello de Padrón: Ofrenda floral, pasarrúas, recitais e concertos.
20.00 Auditorio de Padrón: interpretación poética, concertos, etc.
23 de febreiro
13.00. Casa-Museo. Estrea da peza musical escrita por Loliña Mosquera “Caldo de groria”, interpretada pola Banda de Padrón e a Coral Padronesa.
24 de febreiro
En Compostela:
11.00. Praza de Vigo: primeira alborada de Rosalía
11.30. Estatua da Alameda: inicio da marcha cara ó Hostal
12.00. Hostal dos Reis Católicos: ofrenda na pía e acto institucional con:
- actuación dun grupo de escolares de primaria de Ponteceso
– intervencións institucionais con lectura de textos rosalianos
– actuación musical de Canto d´Aquí
– peche coa Alborada de Rosalía
En Padrón, na Casa de Rosalía:
17.00. Acto de peche das Converxencias Galicia/Portugal, con actuación do grupo portugués Canto d’Aqui
19.00. Caldo de Gloria aberto ao público, elaborado pola escritora Ledicia Costas.
Guitiriz
O sábado 23 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa Habaneira, e no marco do acto de entrega dos premios do #CertameVilariñas2018 e a homenaxe a Alfonso Blanco, presidente da A. C. Xermolos, tivo lugar un acto poético e musical polo Día de Rosalía de Castro 2019.
Oleiros
O domingo 24 de febreiro, o Teatro As Torres de Santa Cruz acolleu un acto de homenaxe á poeta, no que ademais as persoas gañadoras do Premio Literario Descubrindo Oleiros recibiron o premio. O acto tivo lugar ás 12:00 horas. Fíxose unha homenaxe a Rosalía coa actuación de Ramiro Neira e coa participación de alumnos e alumnas do obradoiro Cóntame un Conto realizouse unha interpretación dalgúns dos contos gañadores noutras edicións.
Ourense
A Facultade de Ciencias de Educación, a Biblioteca Rosalía de Castro e a Vicerreitoría do Campus de Ourense organizaron para o luns, 25 de febreiro, unha xornada conmemorativa do Día de Rosalía. Entre outras actividades convócase un concurso de decoración libre de máscaras e “pensamento”. Pódense consultar as bases e descargar a imaxe para a máscara aquí.
Nesta ligazón pode consultarse a memoria final desta actividade.
Outeiro de Rei
A Casa-Museo Manuel María organizou unha pequena homenaxe popular, o domingo 24 de febreiro, ás 12:30 h, frente á Casa-Museo, en que se intercalará a música co recitado e a lectura de poemas de Rosalía.
A maneira coa que se pode participar nesta actividade pode ser calquera destas:
- Alborada para Rosalía. Cada grupo tradicional ou as gaiteiras e gaiteiros que se queiran anotar (contacto@casamuseomanuelmaria.gal), tocarán, unha peza en honra de Rosalía (poderá ser a Alborada ou outra que queiran). Esta actividade está promovida pola Asociación de Gaiteiras/os Galegas/os e a Fundación Rosalía. Haberá música de Os Minhotos, a gaita de Sara do Mosteiro e o tamboril de David Rodríguez, así como as pandeiras de alumnas do colexio de Outeiro e quen se queira sumar.
- Rosalía na túa voz. As persoas que queiran poderán recitar ou ler un poema de Rosalía. Para isto cómpre enviar, para non repetir poemas, un correo electrónico (contacto@casamuseomanuelmaria.gal) co nome da persoa, o poema que vai ler ou recitar e un número de teléfono de contacto.
- Asistindo e gozando da actividade.
Ribadeo
O 23 de febreiro, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval, antes do concerto de Susana Seivane, lectura do Manifesto a cargo de 3 alumnas e 1 profe do IES de Ribadeo. A maiores imprimiuse o texto para dar coas entradas ao espectáculo e para levar aos centros de ensino.
Santiago de Compostela
O venres 23 de febreiro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 19:30 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala, terá lugar unha Homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas, Tecín soia a miña tea, por Ana Hermida (Lisístrata Asociación). Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra...
O sábado 23 de febreiro, a partir das 18:00 horas, A Sega máis a A Lila celebran o 182 aniversario de Rosalía de Castro. Haberá merenda, xogos, poesía e... sorpresas! ;). Le o teu texto de Rosalía favorito e entra...
Viana do Bolo
Viveiro
O Concello de Viveiro desenvolve o proxecto denominado “Andares Gallegos”, unha iniciativa que nace coa pretensión de levar a obra de Rosalía á rúa e coa vontade de ter continuidade nos vindeiros anos, ampliando, cada ano, a súa extensión e proxección. Dentro do proxecto, que desenvolve a empresa viveirense LAG, nesta primeira anualidade realízanse dúas accións diferentes. Unha primeira, que é sorpresa que se descobre o dia 24 de febreiro nas rúas do municipio, e unha segunda, que se levará a cabo o día 25 de febreiro, na biblioteca municipal. Todas as persoas socias que se achegan nese día á biblioteca para coller un libro prestado levan unha tote bag ilustrada cuns versos de Rosalía de Castro (hai un tope de 100 unidades, das que só se entregan unha por carné).
Estes son os centros que nos comunicaron a súa participación:
- CEIP A Ponte (Lugo). Aquí poden verse as actividades levadas a cabo no centro.
- CEIP A Ponte (Ourense). No centro levaron a cabo a lectura de poemas por megafonia a primeira hora e durante o recreo, dedicándolle a Hora de Ler a Rosalía. Circulou polas aulas o Kamishibai sobre esta autora que fixera o alumnado hai un tempo, e fixeron tarxetas para conmemorar este día, baixo o lema "Libre o meu Pensamento". Poden verse as actividades no blog do Equipo de Dinamización Lingüística, aquí.
- CEIP Albeiros (Lugo).
- CEIP Belesar (Baiona).
- CEIP Carlos Casares (Nigrán).
- CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle. O que fixemos foi, ao longo da semana, pensar e representar cada un dos versos do manifesto de Rosalía, que o seu alumnado plasmou a través de diferentes fotografías coas que construíron diferentes murais, en grupos. Todos eles tiñan algo en común: Rosalía e o seu libre pensamento que representaron a través de elementos distintos: música, bolboretas, mans... Con elas gravaron unha manifesta-acción protesta na que participou todo o alumnado do centro. Ademais, realizaron un díptico pequeniño sobre Rosalía, coloreando a súa imaxe, ilustrando un dos seus poemas (pois este ano as Bibliotecas escolares enfócanse á poesía) e lendo unha pequeniña reseña da súa biografía. Aquí pode verse un resumo do feito.
- CEIP Curros Enríquez (A Coruña).
- CEIP de Ardán (Marín). Poden verse aquí as actividades levadas a cabo nesta edición.
- CEIP de Celeiro (Viveiro). O 22 de febreiro tivo lugar un acto público na Praza do Chao en Celeiro, realizando un pequeno vídeo coa Mani-Festa-Acción, recitados e cancións de creación propia cos poemas de Rosalía Viuda de vivos, viuda de mortos e Pasa Río... Todos os traballos recóllense na Páxina Especial onde figuran todas as actividades realizadas ao longo dos diferentes cursos. Pode verse aquí o resumo da celebración destas actividades.
- CEIP de Cespón (Boiro). Foron moitas e variadas as actividades programadas polo Equipo da Biblioteca e Dinamización da Lingua. Na biblioteca o alumnado realizou distintos xogos coa vida e obra de Rosalía: sopas de letras, crebacabezas, poemas misteriosos... Desde Dinamización, baixo o lema "Maniféstate con Rosalía" e seguindo a proposta da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, cada curso deseñou unha cartolina, copiando un poema no que Rosalía denuncia algunha inxustiza social: pobreza, violencia de xénero, desafiuzamentos, ... Outra actividade moi doce foi a elaboración de caramelos con poemas de Rosalía. Estes caramelos foron levados a establecementos da contorna, para espallar a obra de Rosalía. Máis información no blog da Biblioteca do centro.
- CEIP de Couceiro Freijomil (Pontedeume). O 22 de febreiro levará a cabo a celebración do Día de Rosalía coa actividade EU SON ROSALÍA, que forma parte do seu Proxecto Plurianual, "O GALEGO NAS NOSAS MANS". Este curso 2018-2019 unirán o PDI do centro: "Bo Proveito!!" con poemas de Rosalía nos que fala da comida e da fame. A actividade na que participará todo o colexio, consistirá en posar ante un gran mural coas fotos de Rosalía, portando cartolinas cos seus versos. Posteriormente, con todo o material farán unha presentación que divulgaremos mediante o blog A Casqueira, a web do centro, o blog da Biblioteca "O Xardín do Pasatempo" e os blog de aula. Tamén durante toda a xornada soará música cos poemas de Rosalía polos corredores do colexio.
- CEIP de Ponte Sampaio (Pontevedra).
- CEIP Frións.
- CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela. O alumnado fará unha manifestación no centro portando as pancartas cos versos de Rosalía asociados a unha inxustiza social.
- CEIP O Pombal (Vigo).
- CEIP Os Tilos (Teo). Traballaron na aula o poema "Miña casiña, meu lar". A temática del xira arredor da inxustiza social, conta as dificultades que ten a protagonista para cociñar unha simple pota de caldo. Cada aula elixiu unha estrofa que transcribiron a unha cunca. Posteriormente gravarán a lectura do poema cos nenos e nenas do colexio. O venres 22 festexan o día coa visita duns gaiteiros.
- CEIP Plurilingüe A Cristina de Carballo. Aquí poden verse as actividades levadas a cabo nesta edición.
- CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu. O proxecto anual do centro xira ao redor dos dereitos humanos, polo que o poema elixido foi Prá Habana, incluído dentro de Cantares Gallegos. Denúnciase nel a miseria do pobo galego, que fai que moitas persoas se vexan obrigadas á emigración. Rosalía reclama o dereito á vivenda, o dereito a ter un traballo digno, o dereito a circular libremente polo mundo, o dereito á familia. Podería ser un poema do século XXI, pois as reivindicacións actuais seguen a ser as mesmas. Poden verse todos os vídeos no blog do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, aquí.
- CEIP Plurilingüe A Torre-Cela. Durante os recreos, o alumnado voluntario participa coas suas ideas e creatividade na creación dun mural semllante á do cartaz. Ademais, mandaremos para facer coas familias un pequeno traballiño de creatividade e busca de verbas de Rosalía relacionadas coa etiqueta e co noso proxecto de centro, "O despertar das sementes". Así mesmo, o día 22 faremos unha lectura en alto na biblioteca de poemas de Rosalía.
- CEIP Plurilingüe Andrade (Pontedeume). O alumnado de Educación Infantil e Primaria fará un recitado de poemas de Rosalía arredor destas temáticas: acción e loita por Galiza, os éxodos (emigración), os desafiuzamentos, a inxustiza social, o abuso laboral e o maltrato. Acompañando o recital, presentaranse imaxes actuais alusivas a estas temáticas.
- CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz. O 22 de febreiro levaranse a cabo varias actividades. Entre elas, faranse marcapáxinas con debuxos e poemas, flores de papel e un mural-collage con debuxos do alumnado máis novo do colexio. Ademais, farase un recital entre todo o alumnado e profesorado do centro.
- CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro (As Neves). Cada curso desde Infantil ata 6º de Educación Primaria está a elaborar un cartaz sobre diferentes temáticas sociais presentes nas obras de Rosalía.
- CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro (Vilagarcía). Cartaz da actividade de Rosalía realizada polo alumnado de 5º EP do colexio.
Cartaz realizado polo alumnado de Educación Infantil:
- CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar de Caldas de Reis. Visitamos a Casa Museo de Rosalía de Castro. Ao chegar ao centro visionamos todos xuntos os nosos traballos feitos ao longo da última quincena para conmemorar o Día de Rosalía. Traballáronse inxustizas sociais como a emigración, a desigualdade, o acoso laboral, o machismo e as violacións a través dos poemas Tecín soia, Adiós ríos, adiós fontes, Daquelas que cantan, Casteláns de Castela, Xan e A xustiza pola man. Elaboráronse pancartas e recitáronse os poemas de Rosalía.
- CEIP Plurilingüe Virxe do Mar de Narón.
- CEIP San Martiño (Salcedo). Os días previos realizaron entre todo o alumnado do centro un mural titulado "O xardín de Rosalía". Os nenos e nenas traballaron diferentes textos da autora galega, reflexionando sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro. Para facer este mural, o alumnado escribiu diversas poesías de Rosalía nas flores. O venres 22 de febreiro realizaron unha Mani-FESTA-acción simbólica arredor de tres poemas escollidos polo alumnado. Os poemas recitados foron os seguintes: 3ª curso de Educación Primaria: "Na Catedral"; 4° curso de Educación Primaria: "Miña casiña, meu lar"; e 6° curso de Educación Primaira: "Campanas de Bastabales". Poden verse as actividades realizadas no blog da Biblioteca do centro.
- CEIP San Vicenzo (Vimianzo). O alumnado de Educación Infantil decoraron unhas flores para colocar no mural de Rosalía. Tamén escribiron dous poemas de Rosalía: "Inxustiza" e "A xustiza pola man", que se colocaron no mural. Tamén se lle ofreceron unhas caras de Rosalía para que cada alumno/a a decorase ao seu gusto para facer unha chapa con ela. O día da celebración todo o alumnado e profesorado levou a chapa de Rosalía na lapela.
- CEIP Seixo (Marín). Poden verse varias propostas desenvoltas no centro nesta ligazón.
- CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral. Seguirase a proposta da AELG coa elaboración dunha pancarta reivindicativa por aula.
- CEIP Vistahermosa (Ourense). En Plástica ilustraron e crearon cómics inspirándose nos poemas da autora. Tamén se fixeron varios murais plásticos nas clases de infantil, e Rapazas e rapaces de 6º deseñaron unha infografía robótica --> Rosalía ReBOTada.
Na infografía aparecen os datos máis significativos da biografía e obras da poeta cun circuíto, para os mBots, cos lugares onde viviu. Cada robot portaba unha pancarta con mensaxes que xurdiron da lectura dos versos de Rosalía e asociados a situacións de inxustizas sociais que afectan as mulleres. #LibreOMeuPensamento_rdc_19 (AELG).
Creamos un piano virtual, para tocar cos robots cancións dedicadas a Rosalía: adios ríos, adios fontes e Parabéns para ti
A homenaxe continúa xa que relacionamos Día de Rosalía con # 8M día da Muller. O venres, 8 de marzo, Celebraremos unha mani-FESTA-acción con pancartas elaboradas nas aulas que reivindiquen os dereitos das mulleres ou que denuncien a inxustiza social que seguen a sufrir en pleno século XXI. Máis información aquí.
- CEP Carlos Casares de Alxén (Salvaterra do Miño). Participou o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. Co resto do alumnado: 1º, 2º, 3º e 4º, faremos un programa de radio onde recitarán os seus poemas (pode ser escoitado aquí).
- CEP Lois Tobío (Viveiro). As actividades do centro foron: Creación de murais que reflexaron unha Rosalía de plena actualidade, relacionando versos da escritora coas novas de inxustizas sociais que aparecen nos xornais do século XXI; Apadriñamento lector: os nenos e nenas de 6º encargáronse de difundir a biografía de Rosalía, que foi preparada e lida a través do kamishibai; e vídeo explicativo do traballo das diferentes aulas. Poden verse as actividades no blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.
- Colexio San José de Cluny. A Federación de Escolas Católicas en Vigo celebra o Día de Rosalía o venres 22 de febreiro, de 10:00 a 12:00, coa participación de sete centros, co alumnado de 5º de Educación Primaria, sendo preto de 500 alumnos e alumnas, máis o profesorado acompañante. A xornada consistiu na celebración de Obradoiros rosalianos, un espectáculo lúdico-teatral-musical e a posterior lectura de textos de Rosalía, así como do manifesto, e entrega de agasallo-lembranza. O xoves anterior organizaron Un café con… dirixido a adultos (profesorado, pais, nais e alumnado de Bach, e calquera persoa interesada), onde contaron coa presenza de Manuel Núñez Singala para tratar o tema dos prexuízos lingüísticos.
- CPI Ponte Carreira.
- CPR A Milagrosa (Lugo). O alumnado elaborou unha biografía en códigos QR da autora.
- CPR Cardenal Cisneros (Ourense). Caixa Rosaliana en Cisneros. Esta Caixa viaxará polas aulas do centro comezando en Educación Infantil. Á súa chegada a cada unha delas analízase o que contén relacionándoo coa escritora; antes do envío incorporarase algún elemento máis. O venres 22 reunirase a Comunidade Educativa e abrirán a caixa comentado todo o material, coñecendo o sentir de Rosalía. Haberá lectura compartida de poemas e do Manifesto 2019.
Rosalía sae á rúa. Alumnos e alumnas de Cisneros preparan na súa aula, durante a semana do 18 ao 24 de febreiro un traballo que presentarán no colexio o día 22 e que sairá á rúa o 24 de febreiro para instalarse na Praza Maior da cidade ás 13 h. Recortes de prensa asociados a versos de Rosalía escritos sobre bolboretas, cubrirán un panel; ao seu carón as novas que desexamos. #LibreOMeu Pensamento_rdc_19, os pensamentos voarán nas ás das Bolboretas.
Lectura de poemas e participación activa da cidadanía interactuando co alumnado e Rosalía. Unha actividade na que colaboramos un ano máis co grupo Rosalauria.
- CPR Plurilingüe La Merced (Sarria). Elaboráronse pancartas reivindicativas por parte do alumnado, coa posterior manifestación no centro portando as pancartas cos versos de Rosalía asociados a unha inxustiza social. O resto do alumnado fixo outro tipo de actividades relativas á figura de Rosalía de Castro (recitado de poemas, debuxos alusivos a escritora e á mani-FESTA-acción, etc.). Aquí pode verse un vídeo das actividades.
- CPR Plurilingüe María Auxiliadora de Ourense (Salesianos). O venres 22, sumándose á iniciativa da Fundación Rosalía de Castro, o comedor escolar de Salesianos incluirá caldo no menú escolar do día 22 de febreiro. Lerase o poema de Rosalía “Caldo de Gloria”, incluído en Follas Novas. Tamén o venres 22 terá lugar unha asemblea de vogais de Normalización da Lingua Galega de cada curso de secundaria ás 12:30 para levar a cabo o Xesto visual: todos somos Rosalía!, un recitado de varios poemas de Rosalía polo alumnado, escoitar a canción “Día de Rosalía”, un diálogo sobre como potenciar o galego no noso centro arredor dun colacao e a clausura do acto coa foto lembranza “Todos somos Rosalía!". O luns 25, a Coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) dos colexios de Escolas católicas da cidade de Ourense organiza, de 11:30 a 12:30 h no salón de plenos da Deputación provincial de Ourense, unha representación do alumnado dos colexios Maristas, Josefinas, Carmelitas, Franciscanas e Salesianos da cidade de Ourense. O acto consistirá na lectura dun manifesto, recitado de poemas e cancións sobre a Rosalía.
- CPR Plurilingüe María Inmaculada (Silleda).
- EEI de Vilalba. Mural feito polo alumnado de 3 a 6 anos do centro. Levarán para casa marcapáxinas e aprenderá uns pequenos versos.
- IES Agra do Orzán (A Coruña). Profesorado e alumnado participarán recitando a Rosalía con diferentes acentos (francés, brasileiro, ruso, senegalés, etc.).
- IES Arcebispo Xelmírez I e o IES Rosalía de Castro. ManifestACCIÓN xunto á estatua da escritora, na Alameda compostelá, baixo o lema LIBRE O MEU PENSAMENTO. ROSALÍA DE CASTRO 19, tendo como base a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Abriu o acto a alumna Sálvora Ferreirós, do IES Xelmírez I. As alumnas do IES Rosalía de Castro Xoana Lema Barcia e Carolina Silva Rey leron o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Despois procedeuse á lectura multilingüe do poema "Adiós ríos, adiós fontes" por parte do alumnado do Xelmírez, na seguinte orde [cada alumna/o leu unha estrofa, ata completar as 11]: Galego: Xela Rodríguez; Xaponés: Miu Abal Ohashi; Ruso: Elisazaveta Larina; 4 Catalán: Catalina Figueroa; 5 Árabe: Assya Laraaich; 6 Portugués: Eva Iglesias Gómez; 7 Éuscaro: Lucía Maiora Rodeiro; 8 Francés: Anxo Boquete; 9 Alemán: Zaira Raña; 10 Inglés: Martín Becerra; e 11 Italiano: Vera López Morán. A continuación, alumnos e alumnas do IES Rosalía procederon á Lectura de tres poemas de Rosalía de Castro: "Daquelas que cantan". Jaime Candamo López; "Xan": Teo Gómez López e Celia González Rodríguez; e "Tecín soia a miña tea": Laura Blanco López. A Concelleira de Igualdade, Marta Lois, entregou, xunto á responsábel da Biblioteca do centro, o premio á mellor chapa conmemorativa do Día Internacional da Lingua Materna á alumna do IES A. Xelmírez Marina Salgado López. O acto terminou cunha cadea humana arredor da estatua da escritora. As fotos son de Adrián Aceituno e Brais Merelas, alumnos do ciclo no IES A. Xelmírez I.
- IES Auga da Laxe de Gondomar (Pontevedra). O 22 de febreiro farase a lectura do manifesto elaborado por Ana Romaní para este día e mais o recitado por parte dos alumnos dalgúns poemas da autora. Esta actividade realizarase durante o recreo no vestíbulo do noso centro. Tamén difundiremos o lema "Na fronte, unha estrela; no bico, un cantar", inspirado no poema "A Rosalía" de Curros, e así convidaremos a que ese día todos levemos na fronte unha estrela (de pegatina que suministraremos ás persoas que queiran) e no bico un cantar (o recitado de textos).
Ademais, durante a semana, colocaremos algúns textos nas paredes dos corredores e escaleiras, co lema e a data, para ir creando ambiente.
- IES Carlos Casares (Vigo). O alumnado da Revista escolar do centro, Manda Carallo, argallou unha gran pancarta ilustrada co lema proposto: Do XIX ao XXI: Libre o meu Pensamento! e carteis máis pequenos co amplo abano de inxustizas sociais presentes na obra de Rosalía. Despois, coa axuda de alumnado representante de todos os niveis da ESO gravaron una Mani-FESTA-acción simbólica ao redor do IES. Velaquí o resultado: LIBRE O MEU PENSAMENTO
- IES Enrique Muruais (Lugo).
- IES Gregorio Fernández (Sarria). Subiron un programa especial sobre Rosalía na súa radio escolar. Trátase dunha nova entrega de Poesía es ti. Pode escoitarse aquí.
- IES Laxeiro (Lalín). Pode verse o vídeo da actividade aquí.
- IES Leiras Pulpeiro (Lugo). A actividade desenvolta pode verse no blog do EDL e no Facebook do centro.
- IES Lucus Augusti (Lugo). Estes son os haikus feitos desde a aula de Pemar II do centro, seguindo as temáticas suxeridas.
- IES Milladoiro (Ames).
- IES Miraflores (Oleiros).
- IES Monte Neme (Carballo). Poden verse aquí varios textos traballados polo alumnado do centro. As súas farmacéuticas tituladas, cuxa especialidade é a Farmapoética, repartiron medicina para a alma a todo aquel que quixo achegarse ao seu posto.
- IES Pedregal de Irimia (Meira). O alumnado participa no Día de Rosalía recitando poemas con acompañamento musical. A actividade será gravada en vídeo e difundida a través das redes sociais do centro.
- IES Santiago Basanta Silva (Vilalba).
- IES Soutomaior. Desde o EDLG do IES de Soutomaior están a organizar en 2019 un Proxecto Integrado de Centro denominado Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora. Entre o conxunto de actividades propostas, todas co ánimo de promover a lingua e a cultura galega adoptando unha perspectiva de xénero e focalizando no concepto de diversidade (afectiva, funcional, cultural), conmemoraron o Día de Rosalía, tal e como se recolle nesta ligazón.
- IES Terra de Turonio de Gondomar. Farase un programa de radio o día 22 de febreiro, en que se lerá o manifesto e se recitarán algúns poemas da autora. Previamente, elaboraranse pancartas cos versos da autora e colocaranse na entrada do centro.
- IES Valle-Inclán (Pontevedra). Faremos lecturas da obra de Rosalía e do manifest(o)acción elaborado por Ana Romaní, na Biblioteca do centro o día 22 de febreiro. Daremos visibilidade e mobilidade ao Acróstico Rosaliano (R= Revolución; O= Ortoño; S= Sombra; A= Afouteza; L= Libre; Í= Inmensa; A= Actual). Outras aulas seleccionarán e comentarán versos da autora, poñéndoos en relación coa actualidade desde o día 19 ata o 22 de febreiro. Elaborarán pancartas reivindicativas para unha posible Mani-Fest-Acción no centro.
- IES Xograr Afonso Gómez de Sarria. Participa no Día de Rosalía de Castro a través de distintos actos: lectura do manifesto da AELG nas ondas de Radio Xograr na hora de lecer do venres 22 de febreiro, exposición gráfica dos traballos realizados polo alumnado, e lectura de poemas reivindicativos de Rosalia de Castro ao longo da semana.
Do XIX ao XXI: Libre o meu pensamento!
O lema da proposta, Do XIX ao XXI: Libre o meu Pensamento!, pode desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro.
Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 22 de febreiro a realización dunha Mani-FESTA-acción simbólica arredor de versos escollidos a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2019, elaborado pola escritora Ana Romaní, unindo unha Inxustiza cun Verso de Rosalía de Castro (evidentemente, poderán engadirse novas propostas a estas, extraídas do Manifesto, ou algún titular xornalístico que exemplifique como esas inxustizas continúan desde o século XIX até a actualidade):
Inxustiza |
Versos de Rosalía de Castro |
o espolio |
dunha perenne miseria, |
as violacións |
a roupa de cote puñéronma en tiras, |
a inxustiza social |
sin abrigo tembra, |
os desafiuzamentos |
embargaránnos todo, |
o abuso laboral |
que se amargo pan vos ganan/ dádesllo envolto en veneno |
os éxodos |
en errantes hordas. |
Será o profesorado de Primaria, Secundaria e Bacharelato quen decida os temas transversais da obra de Rosalía de Castro que se poden abordar en función dos respectivos niveis educativos.
A partir de aí propoñemos a elaboración de pancartas nas que se escriban os textos antes traballados para, a seguir, proceder á súa teatralización como se fose unha reivindicación social, que será gravada en vídeo ou fotografada.
A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #LibreOMeuPensamento_rdc_19. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2019, para a irmos facendo constar na nosa web. Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.
A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa, e xa aprobaron a moción os seguintes concellos:
A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pobra do Brollón, A Rúa de Valdeorras, Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Bergondo, Betanzos, Bueu, Burela, Cambados, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Entrimo, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, O Rosal, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Ramirás, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.
A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.