Martiño Maseda
Puxéronme de nome Martiño, se cadra relacionado coa etapa temporal na que nacín, finais de novembro de 1970. Recibín os primeiros grolos de existencia no manancial da Chaira; concretamente na parroquia vilalbesa de Xoibán, onde aprendín a amar esta Matria mamando na foula da terra a enxebreza inmaterial da lingua que me constitúe e que me define.
Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, unha anomalía coma outra calquera e por causa da cal me flaxelo a diario escribindo en galego. Aínda que o realmente esencial é a perpetua necesidade de sentirme escritor e poeta.
Colaboro, ás veces, con artigos de opinión no suplemento A Chaira de El Progreso, en Sermos Galiza, no portal Galicia Dixital ou no Terra Chá, Xa! E afirmo ás veces, porque a aplicación do concepto “de balde” agregado ao eido da cultura xa resulta obscena.
Tamén me dá por facer de Dinamizador Cultural (que nunca deixe de medrar o ser famento de cultura), Activista Político (hai moito lixo que varrer), e, dende finais, do pasado ano, Administrador da weblog Culturalia GZ na que busco que un espazo da Cultura Plural para o Suxeito Colectivo.
Participo habitualmente en recitais poéticos, ou noutros que fomenten a promoción da cultura en todos os ámbitos (publicacións en revistas literarias, xurado de premios literarios, etc.).
Levo máis de dúas décadas adicando fragmentos de tempo existencial ao pracer da escrita, o que concedeu o privilexio de verme gañador de distintos certames literarios nos campos da poesía e da narrativa na Galiza ou fóra dela:
Privilexio completado polo nacemento de varios fillos literarios, con nomes tan variados coma os seguintes: os relatos Todo por unha teima, O mercenario e Omnisciencia, e os libros de poemas Diario dun ser perdido, Nos labirintos da alma, Entre as paredes do silencio, Fotogramas da desfeita, Xeografía da desolación, Ti, (Des)Amor, A linguaxe das palabras rotas e Mapa de xeografía emocional.
Aínda que fican pendentes de publicación outros, cando menos física, dado que oralmente xa aproveito eu a continxencia propicia para concederlles a liberdade comunicativa que precisan. .
De xeito recente, nunha combinación de palabra e música, decidín xunto a Marcos Maoxu gravar un disco chamado CRACK, onde van musicados varios poemas extraídos dos meus libros.
A partir deste 2020 fundei xunto a outras persoas a Asociación Cultural CALDALOBA, da que teño a sorte de ser o seu presidente.
[Decembro, 2020]