BALDOMERO IGLESIAS DOBARRIO, MERO
Nacín en Vilalba da Terra Chá de Lugo un 27 de xuño de 1951 no seo dunha familia numerosa. Estudo despois en Lugo e fago Maxisterio para, logo, impartir docencia no rural, por escolas e colexios da provincia (Vilariño, Os Vilares, Guitiriz; Rábade, Antas de Ulla, San Martiño de Monte de Meda no Picato) e despois vou definitivo para Olas-Mesía (A Coruña) a unha escola unitaria que será concentrada no Colexio de Xanceda, no que exercín, despois de case corenta anos, ata a prexubilación no ano 2011.
Foi da miña profesión da que vivín e, no meu vagar, gusto cantar e musicar versos, compoñer cantigas e participar en eventos e monografías musicais de autores galegos. Fun membro iniciador de Fuxan os Ventos e hoxe son do grupo A Quenlla, con eles gravei máis dunha trintena de Cds. Levo moitos anos recollendo Cultura Tradicional e facendo un arquivo sonoro para o País, doado hoxe ao Museo do Pobo Galego.
Así foi o primeiro arranque para o nacemento dun Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, APOI, arquivo sonoro desa Cultura Popular recollida –neste caso– desde o meus destinos e, nalgúns casos, polo meu alumnado ao longo de corenta anos, participado tamén, xa digo, coa aportación doutras recollas de compañeiros. Dese traballo vén o Pedrón de Ouro concedido no ano 2009. Moitas desas pezas, das compilacións, tamén foron gravadas e devolvéronse ao patrimonio musical e oral, ao común da xente, verdadeiros donos deses tesouros.
Levo desenvolvidas obras escénicas musicais e de colaboracións teatrais (con Galicia Canta ao Neno, ou con Volta e Dálle: Pan e Menciñeiros, feiras medievais e tradicionais exercendo de cantores de coplas de cego), visuais e musicais (sobre a Memoria Histórica, sobre o Nacionalismo, sobre a Poesía de Postguerra, dos Silenciados/as, dos Fuxidos e Escapados, dos Señores/as da Palabra, etc.) de aí o Premio Galiza Mártir, da Fundación Alexandre Bóveda no ano 2012.
Conto con colaboracións feitas con outros grupos e formacións, iniciativas culturais de toda índole. Mesmo recóllome a escribir artigos e colaboracións en xornais e revistas (Galicia Digital, A Peneira, Eixo Atlántico, Xistral, Galicia Hoxe, Revista Irimia, A Nova Peneira, Novas de Turonio, Redes Escarlata…) e relatos, historias e contos, lendas en libros (Somos lenda viva, Contos de vellos para nenos da Editorial Citania, estudos sobre algún aspecto da música tradicional, en concreto dos Cantos, Coplas e Romances de cego dos que van publicados dous volumes con documentación gráfica, escrita e sonora dos mesmos cantos e informacións de procedencia, da Editorial Ophiusa, polos que recibimos o Premio Once-Galegos da Solidariedade. Tamén son co-autor dun estudo da música galega do Nadal Galego, libro e gravacións, mesmo técnicas de recolla aos informantes, ou propostas didácticas “A carón da escola” editadas por Ophiusa. Fixen algunha tradución de libros ao galego (Ai, que medo, de Ricardo Alcántara, da editorial Rodeira) e colaborei co-autor en libros de textos de EDB e Rodeira, en Sociais, Coñecemento do Medio e mesmo Lingua e Literatura Galegas para distintos cursos de Primaria e Secundaria durante tres ciclos de lexislacións cambiantes. Fixen e fago letras de cantigas e de monografías ao redor de temas de actualidade, así como músicas de poemas doutros ou propios, para traballos didácticos da canción popular ou nos ámbitos da docencia (Xogando coa Música, de Sotelo Blanco).
Charlas ao redor da Música Galega e ponencias ou palestras da Cultura Tradicional, cantos de cego, cantos de Nadal, copleiro popular, ...en moitos encontros celebrados en Galiza e, no exterior, en Barcelona, Cuba na Feira do Libro, Universidade de São Paulo, na Universidade de Varsovia, en Andorra, na Universidade de Cáceres e Salamanca. Así como tamén a deriva aos cantos de autor e as modalidades expresivas de autores galegos.
Colaborei na "Rosaliana", ópera galega sobre supostos sucesos referidos a Rosalía de Castro, con máis de corenta pezas de creación musical e vocal, para dar expresión a unha interpretación galega sobre a poeta por excelencia e o suposto desenvolvemento de vivencias con Murguía, Pondal, Curros, Gaiteiro de Penalta, Aurelio Aguirre e outros coetáneos, a partir da súa estadía en Madrid e das mortes de Carral.
Gústanme moito as descricións das persoas da contorna e da lembranza cotiá. Para o meu pracer fago eses relatos da xeografía humana e escribo versos, tamén, sobre todo, para consumo propio. Recibín premios por algúns deles do meu entorno nativo en Paradela, Viveiro, Vilalba e en Begonte, con varios premios estatais de Poesía do Nadal. Son tamén responsable de tres libros de poesía, un, o primeiro, Na Lonxitude do Tempo como consecuencia dun premio de poesía en Viveiro, “O premio de poesía Antonio Prados Ledesma” na súa 3ª edición e no ano 2002 e que despois publicou Espiral Maior. Tamén na Colección “Foulas do Rañego”, no 2005 saíu Recendos de Luz e Sombra, e no 2011 No papel que mudo escoita con ilustracións de Sabela Arias e tamén na Colección das Foulas do Rañego editado pola Irmandade Manuel María da Terra Chá. Conto co Premio da Navalla do Manuel María, concedida pola Irmandade Manuel María, o de Chairego de Honra da Asociación Xermolos; O Facer País, de Láncara; o de Amigo da Solaina, en Piloño; da Música e o do Patrimonio Musical Galego, do Var con uve de Moaña, 2013; “Por vivir a Música” do Orfeón Lucense, Milagrosista “del Año”, en Lugo no ano 1998; O da Festa das Letras, de Ponteceso; O Premio San Martiño da Estrada, O Premio Osíxeno 2011 de Adega, O Premio Airiños de Fene; o de Romance e Homenaxe da Comuna Carlos Marx, o de “Os Mártires da Liberdade” en Carral, 2015, Artepaz 2015, Mestre da Memoria 2016 da AELG… e outros.
[Marzo, 2016]