Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e mestre en Política lingüística e planificación da lingua galega.
Como creador ten publicado obras de poesía entre as que cómpre salientar Lisboa (Premio de poesía da Universidade de Vigo) e Con gume de folla húmida (XXIV edición do Lorenzo Baleirón), e de narrativa curta: Château Bobcat e Le pied de Julien DuPuy, (ambos os dous primeiro premio do certame Os Viadutos de Redondela).
Como tradutor, profesor e investigador elaborou un dicionario bilingüe galego-éuscaro e foi lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de Irlanda (University College Cork). Publicou traducións entre as que destacan Sete poetas vascos e Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, polos que gañou os premios de tradución Loís Tobío (2013) e Etxepare (2015) respectivamente. Na actualidade escribe a súa tese de doutoramento, un estudo sobre as relacións entre literatura e gastronomía.
Como deportista afeccionado xogou ao rugby no Mareantes de Pontevedra e no Universidade de Vigo. Tamén xogou ao fútbol gaélico e vestindo as cores da Selección Galega participou no histórico encontro Galicia-Bretaña, celebrado en Narón o 21 de xullo de 2012.
No mes de setembro de 2016 publicou a súa primeira novela, Non hai outro camiño (Xerais, 2016).
[Marzo, 2017]