Xosé Ricardo
Losada Vicente

X. Ricardo Losada naceu en Rianxo en agosto de 1961. É catedrático de filosofía no IES Félix Muriel de Rianxo. Socio fundador, secretario e agora vogal da Asociación Cultural Barbantia. Colabora en varias revistas culturais como Alameda ou Casa da Gramática. Publicou algún artigo en A Trabe de Ouro e Tempos modernos. Coordina e colabora regularmente no suplemento cultural mensual A Voz de Barbantia que publica La Voz de Galicia na súa edición de Barbanza e no blog Café Barbantia. Publicou o libro de relatos filosóficos O xene da chuvia (Edicións do Castro, 2005) e varios relatos en libros colectivos como Luces da cidade, Voces na guerra, Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda ou Historias de Barbantia (Editorial Galaxia,2024). Publicou as biografías Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (Edicións Xerais, 2015) e Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Ed. Galaxia, 2018). A súa primeira novela foi Bótame deste mar fóra (Toxosoutos, 2017). Coa segunda, A casa xunto ao volcán (Ed. Galaxia) gañou o premio Viadutos 2019, coa terceira, O rosario e a buguina (Editorial Galaxia), o premio Torrente Ballester 2020 e coa cuarta, Un inferno frío (Toxosoutos, 2024) o Certame LIterario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos 2023. Con anterioridade gañou o III Concurso de Contos do Liceo de Noia (2006). Tamén publicou como editor literario, a petición do Concello de Rianxo, Dez anos de poesía. Premio Faustino Rey Romero (2008) e Faustino Rey Romero. Obra poética e teolóxica (2013).

[Maio, 2024]