Eu nacín en agosto do ano 1958 en Santiago de Compostela.
Na miña vida profesional (mestre e licenciado en Filoloxía Hispánica) son profesor de Lingua e Literatura castelás nun colexio concertado de Madrid. Descubrín o galego no val da Amaia, lugar que sempre hai que visitarmos de día.
Poesía en castelán:
- [1994] Ya no es duda (Incipit editores, Madrid)
Neste o meu primeiro poemario cato, latexo e loito coa palabra e a imaxe limpa para atopar anacos de luz no silandeiro desalento.
- [1995] De donde nace mi voz (Ediciones Cardeñoso, Vigo)
É un compendio das miñas tres ideas básicas en poesía: existencia, amor e soidade. A soidade, para reflexionar, o amor, para soñar; e maila existencia para vivir.
- [1997] Algunas tardes sentado al bordo de mí (Ediciones Cardeñoso, Vigo)
É un poemario no que falo do significado da vida e da morte, tendo presente a cotío o amor polo terruño.
- [2005] Nocturnos (inédito, agosto)
Poemas en prosa de temática erótica nos que falo da ausencia da amada en noites escuras e terríbeis.
Poesía en galego:
- [1998] Verbas da terra (tamén chamado Quixera verme noutra beira) (Ediciones Cardeñoso, Vigo).
É o meu primeiro libro de poemas en galego. Nel expreso un desexo inxente por gozar dos praceres da terra decote chuviscada. A saudade e o paso do tempo axúntanse nunha permanente nostalxia por Compostela e polos seus arredores. O concello de Ames, no ano 2001, fixo unha edición da versión definitiva.
- [2001] Cinzas ó serán (inédito)
Recolle os sentimentos que quedan (as cinzas) nun home despois de ter amado cunha grandísima intensidade.
- [2002] A illa deserta (inédito)
Non entende xa de compañas. Nel expreso, cuns versos breves e ás veces moi ferintes, o que sinte o home cando, despois de amar, todo el queda reducido ao deserto dunha illa.
- [2003] Ausencia (inédito)
É o remate definitivo da soidade no amor. Todo é sufrimento e dor pola constatación da mesma no corazón do home. Como di o derradeiro verso: Ausencia/xa non hai río que cruzarmos.
- [2008] Noites (inédito)
É unha traducción moi libre do libro de poemas en prosa castelá Nocturnos.
Prosa en castelán:
Neste apartado, no ano 2006, fixen un feixe de 15 contos traducidos ao castelán. Esta escolma está inédita, pois inda as editoriais non foron quen de contestarme. Chámase Cuentos gallegos. As ilustracións están feitas por Carlos Azcárraga Togores.
Hai un montón de follas, non sei se ben ou mal emborronadas, que, baixo o título de Raíces, conforman algo así como unha novela sobre a terra galega.
Prosa en galego:
Neste apartado teño que falar da recolleita das miñas colaboracións no El Correo Gallego e en Galicia Hoxe nos seguintes libros:
- [novembro 1999 a novembro 2000] Aturuxos
Inda lembro a miña primeira colaboración da man de Charo Barba o día 9 de novembro, festa da Almudena, patroa de Madrid) O concello de Ames fixo un libro con estes artigos.
- [novembro 2000 a abril 2002] A fala do Chioleiro (inédito)
- [xuño 2002 a maio 2003] Chioleiro (inédito)
- [maio 2003 a xuño 2004] Chioleiro (II) (inédito)
- [xuño 2004 a outubro 2005] Chioleiro (III) (inédito)
- [xaneiro 2006 a ] Chioleiro (IV) (inédito)
- No verán do 2000, o xornal O Correo Galego tivo a xenerosidade de publicarme os capítulos dunha novela "rural", Peito de Bronce, onde narraba a vida de Manoel Baliño Castromil, coñecido home da Amaía, e na que facía un percorrido polos costumes e tradicións dos habitantes do rural galego. O concello de Ames deulle forma de libro no ano 2001. No verán do 2002 fixen unha fonda corrección da mesma, quedando toda ela nun fermosísimo feixe de 30 capítulos (inédito).
- No ano 2005, o concello de Vedra, da man do seu alcalde Odón C. Cobas García, fixo un fermosísimo libro, Xeografía da ausencia, no que eu fago unha escolma dos artigos vencellados con Galicia e mesmamente coa zona do Ulla.
- No ano 2007 fixéronme mandar ao prelo unha recolleita de contos titulada Contos galegos.
Nestes momentos sigo a colaborar semanalmente no único xornal que se edita na actualidade en galego, Galicia Hoxe (www.galicia-hoxe.com), cunha sección titulada Filoso.
[Xullo, 2008]