X. M. del Caño naceu en Santa Eufemia (Celanova) o 17 de decembro de 1955. Foi secretario do Patronato Curros Enríquez, que recuperou e converteu en museo a casa do autor de O divino sainete. Fundador do "Premio Celanova, Casa dos Poetas", director da revista literaria Follas Secas e tesoureiro da Asociación Graham Greene. Redactor de Faro de Vigo durante trinta anos, desempeñou o cargo de delegado deste xornal en Ourense desde 2005 a 2020. Autor dos libros Conversas con Manuel María (Xerais, 1990); Cen galegos (Limbo, 1993); Guía de Ourense (Ediciones Júcar, 1996); Literaria (Limbo, 1997); Historia ilustrada de Ourense (Faro de Vigo, 2001); Ourense, paisajes, ciudades, monumentos (Faro de Vigo, 2004); Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado (Galaxia, 2005); Alfonso S. Palomares. La lucha por la libertad (Ronsel, 2005); Conversas con Méndez Ferrín. Historia, literatura, nación (Xerais, 2005); O misterio de Carlos G. Reigosa (Xerais, 2007); Memorias faladas. Xaime Quessada. Artista da xenialidade. (Nova Galicia Edicións, 2008); Conversas con Alfredo Conde. Xuízo, sentenza e condena (Ir Indo, 2009); O contencioso de Sargadelos. Isaac Díaz Pardo (Linteo, 2009), Ourense, Atenas de Galicia (Linteo, 2014), Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias (Embora, 2022) e Ósos de Santo (Embora, 2023). Desde decembro de 2020 preside a entidade cultural Amig@s do Libro Galego/Artes e Letras. Coordinador do libro Fisterra. Relato curto en Galicia (Linteo, 2022) e Antoloxía do relato galego actual. Miño (Xerais, 2023).
[Xullo, 2023]