Xosé M.
Lobato Martínez

Xosé M. Lobato Martínez, nado na inmensidade oceánica, setemesiño por fortuna e graza do baile desas ondas que separan ambos litorais. Fillo dunha parella de emigrantes casados por “poderes”, cada un nunha beira atlántica, para certificar unha unión habitual noutros tempos e atípica na actualidade.

Medrei no concello de Boqueixón, moi preto dun avó e unha tía-madriña, o avó Marcelino, viúvo, dedicou todos os seus esforzos na miña educación e coidado.

A miña necesidade vital por coñecer e profundar no eido da diáspora, foi o alicerce para estudar o mundo migratorio, presentando en 1999 a tese doutoral, Autoconcepto en hijos de emigrantes.

Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, profesor en varios niveis do sistema educativo, na actualidade estou pre–xubilado. Aínda que sigo coa miña actividade no uni-verso da cultura.

Actualmente son membro do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, presidente da asociación cultural mestre Manuel Gacio, e membro de diferentes asociacións, entre outras, a asociación Barbantia.

Son camiñante infatigable da xeografía de noso, amante con paixón do medio natural que observo con agarimo e minuciosidade. Na miña faceta de escolante, sempre tentei transmitir ese amor pola natureza, un dos legados máis importantes dos meus avós e, que máis aprecio.

Considero que son amante da música, onde tento harmonizar algúns acordes cun dos instrumentos que máis nos identifica como galegos.

Na actualidade non teño residencia habitual, ir e vir, aquí e acolá, o sedentarismo en todos os ámbitos non é unha opción contemplada na miña vida.

Por certo, de cando en vez, xunto algunhas letras que finalmente, non sempre, esas letras forman palabras e parágrafos que terminan impresas nun libro. Dende crianza, escribir día a día, todos os días con dous mentores esixentes, o mestre Manuel Gacio e o avó Marcelino.

Na actualidade, por hábito, tamén por costume, sigo a escribir como terapia e acougo do meu desacougado espírito. Mais, eu, de aura a solpor e de solpor a aura, seguirei escoitando e matinando, observando e reflexionando para seguir avanzando entre o rechouchío harmónico do amencer, sempre esvaradío e incompleto coma esta autobiografía.

Pórtico outonal 2024