Xosé Lois
Rúa

Xosé Lois Rúa Núñez naceu en Campobecerros (Castrelo do Val – Ourense), no ano 1951. Estudou bacharelato nos institutos Otero Pedrayo e Blanco Amor, de Ourense. Fixo a carreira de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Reside actualmente en Ourense.

Traballou como xornalista 35 anos. Exerceu o labor en La Región, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Agencia Efe, A Nosa Terra, El Sol, Radio Popular de Ourense, Radio Noroeste e Radio Galega, onde traballou uns 30 anos. Ten recibido varios premios polos seus traballos xornalísticos. Entre eses galardóns figura, no ano 1997, o primeiro premio da III edición do Premio Tojal, de xornalismo, modalidade literaria, establecido polo sindicato UXT de Ourense para traballos xornalísticos sobre temas de índole económica e social. No ano 1995 acadou o terceiro premio, tamén na modalidade literaria, dese mesmo certame. Así mesmo, logrou, no ano 1995, o VII premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, instituído pola Deputación Provincial de Ourense. No ano 2003, lograría o segundo premio deste mesmo certame, do que tamén recibira un accésit xa no ano 1992.

Canto ós premios literarios, no ano 1995 logrou o XVI Premio de Poesía Cidade de Ourense, instituído polo Concello de Ourense, polo seu poemario O lobo nos outeiros. Xosé Lois Rúa volvería gañar este premio de Poesía Cidade de Ourense, na súa XIX edición, no ano 2001. A obra premiada foi Elexías do Camba. Tamén acadou, no ano 2001, o XIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, instituído polo concello coruñés de Dodro. O traballo premiado foi o poemario O tránsito da auga.

O 16 de xuño do ano 2012 recibiu a Medalla de Ouro da Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense, pola súa contribución ó coñecemento da língua e da cultura tradicionais de Galicia, en especial, da música popular, sobre todo da gaita.

A súa obra publicada é a seguinte:

- O lobo nos outeiros (1996) acadou o XVI Premio de Poesía Cidade de Ourense do ano 1995. Recolle poemas escritos entre 1993 e 1995. Está editado polo Concello de Ourense no ano 1996. Ten un prólogo escrito polo tamén poeta ourensán Víctor Campio Pereira, e ilustracións da pintora ourensá Mané Boán.

- O tránsito da auga (2002), foi galardoado no XIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, instituído polo concello coruñés de Dodro. Recolle poemas escritos entre 1996 e 1998. Está publicado por Edicións do Castro no ano 2002.

- Elexías do Camba (2003) recibiu o XIX Premio de Poesía Cidade de Ourense, correspondente ó ano 2001. Recolle poesías escritas entre os anos 1998 e 2000. Está editado por Espiral Maior no ano 2003. Conta cun prólogo do profesor Aquilino Alonso Núñez, da Universidade de Vigo.

- Memoria dos ríos perdidos (2009), reúne poemas escritos entre os anos 1999 e 2002. Está editado por Espiral Maior no ano 2009.

[Setembro, 2021]