Xosé de
Cea

Nacín en Barcelona, un 13 de outubro de 1970. Alí vivín até 1984, ano no que meu pai, que levaba un tempo desempregado, e miña mai, decidiron regresar á súa Palas de Rei natal. Cursei o bacharelato no instituto de Melide e, iniciada a década dos noventa, serei eu quen emigre a Euskadi para estudar Ciencias da Información no campus de Leioa, na Universidade do País Vasco. Este ir e vir polo mundo imprimiu un forte sentido de desarraigamento, pero tamén a toma de conciencia por unha lingua galega que, se ben escoitei sempre no fogar dende o berce, non será asumida en corpo e alma até verme eu tamén na diáspora, pasados os vinte.

Unhas aulas de Literatura Contemporánea do profesor Enrique Ojembarrena, en segundo de carreira, espertaron a miña vocación por escribir, ao comezo aínda en castelán. Máis decisivo aínda foi coñecer a Soqui Cea, a muller coa que decidirei en 1991 compartir destino e vida: ela foi mestra, levándome da man para dar os meus primeiros pasos como neofalante, e tamén esposa, dándome o apelido co que asinarei a miña obra literaria. Esta comezou atoutiñante, con moitos poemas dispersos e algún relato que non paga a pena lembrar.

Un par de premios literarios (3º nun certame de poesía convocado por O Penedo-Fogar Galego de Barcelona e un accésit no Feliciano Rolán de A Guarda) animáronme a seguir o camiño iniciado. O mellor destes galardóns foi coñecer a Rafa Villar no primeiro deles -con quen compartín premio xunto a Antonio Piñeiro-, e manter unha nutrida correspondencia durante uns anos que orientará tamén os meus balbucidos literarios iniciais.

Non será até cumpridos os trinta que verei publicado o meu primeiro conxunto de poemas unitario e coherente: Presencia da fenda, merecente do I Premio de Poesía Letras de Cal no ano 2000.

A finais de 2002, tras aprender o oficio de xornalista traballando para La Voz de Galicia durante dous anos nas comarcas da Terra de Melide e Arzúa, comecei a traballar no Sindicato Labrego Galego como responsábel de comunicación e coordinador do seu periódico, o Fouce. Aí sigo choiando cada día, con máis de cen números do Fouce ás costas, un labor que, aínda dende o case anonimato e o prosaísmo da escrita xornalística acabará sendo, probablemente, a miña obra máis voluminosa escrita en lingua galega.

O traballo ao comezo, e ter fillos despois, condicionaron unha carreira literaria irregular e dispersa pola falta do tempo necesario para darlle maior consistencia. Trátase, simplemente, dunha decisión meditada, de antepoñer sempre o máis importante: os afectos, a familia. Así e todo, paseniño, fun publicando libros e apañando algún que outro recoñecemento que me animaron a seguir adiante. Froito desa dispersión, tamén das miñas inseguridades, foi formándose unha obra na que se tocaron, até agora, tres xéneros -poesía, literatura infantil e xuvenil e crónica xornalística- asinados por tres nomes distintos: ao do documento de identidade e ao meu pseudónimo habitual habería que engadir o de Cibrán Ulloa, co que asinei O lume dos soños coa errada pretensión de diferenciar a obra poética da narrativa. Foi Marilar Aleixandre, tras prestarme un apoio impagábel no proceso de corrección de Revolución Detrito, a finais de 2018, quen me convenceu de asinar sempre como Xosé de Cea.

No ano 2020, nunhas aulas organizadas pola AELG baixo o título “Literatura, un modo de estar na vida”, Suso de Toro inculcounos a importancia de que calquera persoa que queira desenvolver unha carreira literaria debe responder antes unha pregunta: Que tipo de escritor, de escritora, quero ser? Cumpridos os cincuenta, aínda non achei unha resposta definitiva.

[Melide, 21 de decembro de 2020]

Obra publicada

Poesía

  • Presencia da fenda (Letras de Cal, 2001).

  • Vilareda (Colección Nimbos da Asociación Rosalía de Castro de Barakaldo, 2018).

  • Versos para alén da ponte (Editora Urutau, 2020).

Narrativa

  • Coímbra (2023). Vigo: Galaxia. 182 páxs. ISBN 978-84-1176-030-0.

Literatura infantil e xuvenil

  • O lume dos soños, (Baía Edicións, 2004) Publicado co pseudónimo Cibrán Ulloa.

  • Revolución detrito (Xerais, Fóra de Xogo, 2019).

  • En terra rara (Medulia Editorial, 2021). Foi finalista do IV Premio de Narrativa Agustín Fernández Paz pola Igualdade en 2020

Crónica

  • Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST (Estaleiro Editora, 2013). Publicado co nome Xosé García Rodríguez.

Obras colectivas

  • XIV Certame Francisco Añón de Poesía (Solsticio de río), (Concello de Outes, 2010).

  • E de súpeto o inverno, 2017. (Agalir Ediciones Solidarias, 2017).

  • Andares. A Terra do Medio, Libro de homenaxe a Xosé Vázquez Pintor (Edicións Fervenza, 2019).

  • Xistral. Revista Lucense de Creación Poética, nº 22 (Concello de Lugo, 2020).

Premios e recoñecementos

  • I Premio de Poesía Letras de Cal en 2000 por Presencia da fenda.

  • I Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil en 2004, por O lume dos soños.

  • Accésit no XIV Certame de Poesía Francisco Añón, convocado polo concello de Outes en 2010, por Solsticio de río.

  • Finalista do XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, convocado pola Deputación da Coruña en 2018, por Revolución Detrito.

  • Finalista do IV Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) e o Concello de Vilalba en 2020, por En terra rara.

  • Finalista do XXXII Premio de Narrativa Torrente Ballester en lingua galega, convocado pola Deputación da Coruña en 2020, por Coímbra.
  • Gañador do V Premio de Poesía Eduardo Pondal, convocado por Medulia Editorial en 2023, por Dende a miña barricada de sofás e canapés.